Axudas á conciliación - Fomento do teletraballo - 2023
- 10/02/2023
- 10/03/2023
-
Etapa
TR357D - Axudas á conciliación - Fomento do teletraballo - 2023
Data de publicación: 10/02/2023
Data inicio de solicitude: 11/02/2023
Data remate de solicitude: 10/03/2023
Obxecto
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas e incentivos para o fomento do teletraballo mediante a adopción de acordos laborais de teletraballo, incentivos para a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria e subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.
Características da axuda
Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo
O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, deberá documentarse mediante o acordo individual de teletraballo, que deberá cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o contido mínimo establecido no artigo 7 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, debendo fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50 % da xornada semanal ordinaria.
As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa.
O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria
O acuerdo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de manera que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas manteranse durante a duración do acuerdo.
As axudas consistirán nun incentivo de 8.000 euros por empresa solicitante.
O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo
Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso á internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas que se vaian desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.
As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa.
A axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.
No caso da Subliña 1, poderán ser beneficiarias as empresas que non pertenzan aos sectores da economía da tecnoloxía da información e a comunicación (TIC) e que:
a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de, polo menos, un ano, e/ou
b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.
Igualmente, poderán ser beneficiarias da subliña 2 aquelas empresas que establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos.
Seguidamente, poderán ser beneficiarias da subliña 3 aquelas empresas que, non pertenzan a sectores TIC da economía, e formalizasen acordos de teletraballo en vigor na data de presentación da solicitude, que deberán cumprir con todos os requisitos establecidos na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
Por último, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.