Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2025


  • 17/01/2025
  • 30/09/2025

TR353D - Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2025

Data de publicación: 17/01/2025

Data inicio de solicitude: 24/01/2025

Data remate de solicitude: 30/09/2025


Infografía explicativa


Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Exceptúanse do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia.

A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio; Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.

Características da axuda

O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda, dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que previamente estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Exceptúase deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia.

A porcentaxe do prezo do contrato a subvencionar varía segundo a liña de axuda: 

Liña 1: Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes: subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.

Liña 2: Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 10.000 ou máis habitantes: subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda

No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe a percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. O importe mensual do alugueiro deberá figurar no contrato de remuda.

A intensidade da axuda que corresponda en cada caso e en calquera das dúas liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total, cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si, e só aplicable no caso das persoas físicas:

  • Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
  • Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
  • Que a persoa que adquire o negocio teña 52 anos cumpridos na data da solicitude.
  • Que a persoa que adquire o negocio sexa desempregada de longa duración.
  • Que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores. 

No caso da liña 1, Bono remuda rural, a intensidade da axuda que corresponda pode incrementarse un 10 % máis, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

  • Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
  • Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
  • Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade na que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros, excepto nos casos en que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o desenvolvemento da mesma, en cuxo caso a contía máxima subvencionable por remuda será de 10.000 euros.

Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 31 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037. Neste caso, a remuda debe cumprir os seguintes requisitos:

a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.

b) Non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo, salvo que causas de forza maior, imprevisibles e inevitables, imposibiliten que a actividade se poida desenvolver no mesmo local. A estes efectos enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.

c) O negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia (poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos Polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través desta páxina web. Exceptúanse deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación da Orde no Diario Oficial de Galicia.

d) A transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato; Para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure igualmente o prezo total e o obxecto do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.

e) No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, estas deben posuír, con anterioridade á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, máis do 50 % do porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que se traspasa. Neste caso, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que necesariamente debe ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria, e sempre que se cumpran o resto de requisitos deste programa. 

f) Se realice o cambio de titularidade da licencia de apertura e/ou actividade no concello correspondente, ou de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.

g) As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa cando se produza a remuda.

h) As persoas ou entidades beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.

Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas persoas para a concesión da subvención. As persoas que transmitan o negocio deben cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).

b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Viernes, 17 Enero, 2025
Válido hasta: 
Martes, 30 Septiembre, 2025