Axudas ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por ERTE para favorecer o mantemento do emprego - 2020
- 01/07/2020
- 31/10/2020
-
Etapa
TR820F - Axudas ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por ERTE de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía - 2020
Data de publicación: 1 de xullo de 2020
Data inicio de solicitude: 2 de xullo de 2020
Data remate de solicitude: 31 de outubro de 2020
Obxecto
As bases teñen por obxecto convocar as axudas para paliar a situación económica e compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de suspensión de contratos ou de redución da xornada, así como axudar as empresas afectadas no relativo á compensación dos custos que supoña a formación das persoas traballadoras afectadas polos ERTE, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Características da axuda
a) Para as persoas traballadoras afectadas:
No caso de ERTE de suspensión, as axudas económicas devindicaranse por xornada laboral completa de suspensión de contrato, dentro do período subvencionable, tendo en conta o tramo de base de cotización por continxencias comúns en que se encadre a persoa traballadora afectada.
No caso de ERTE de redución da xornada laboral ou cando a suspensión ou redución da xornada sexa irregular ao longo do ano, computarase o total de horas de suspensión ou de redución a xornadas completas, para os efectos do cálculo do importe da axuda, e non se terá en consideración a fracción de xornada resultante, de ser o caso.
b) Para as empresas afectadas:
No caso dos custos do plan de formación devindicaranse unha vez executadas as actividades formativas.
So serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados e pagados no período de execución que estean xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente, que respondan á natureza das actividades subvencionadas e que resulten estritamente necesarios para a realización da actividade formativa proposta.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se trate de persoas traballadoras afectadas por un ou varios expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción (ERTE ETOP), en que a decisión empresarial sobre a suspensión ou redución da xornada tras a finalización do período de consultas fose comunicada á autoridade laboral competente ou en virtude de resolución xudicial adoptada no seo dun procedemento concursal.
Requírese que o período de consultas ou ben o procedemento de mediación que sexa de aplicación no ámbito da empresa conclúa con acordo entre as partes.
b) Que o/os expediente/s de regulación temporal de emprego afecten, dentro do período subvencionable, un máximo de 300 persoas traballadoras por centro de traballo da empresa radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que as suspensións de contratos de traballo ou reducións da xornada se fixesen efectivas ao longo do período subvencionable a que se fai extensiva á axuda e que será o establecido na respectiva convocatoria.
d) Que os ingresos brutos mensuais das persoas traballadoras, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, non superen 2.500 euros, ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial.
e) Que, no caso de ERTE de suspensión, teña unha duración de, polo menos, 25 días dentro do período subvencionable. Nos supostos de ERTE de redución de xornada a duración mínima para poder acceder á axuda será o equivalente a 25 xornadas completas dentro do referido período subvencionable. A duración máxima será de 180 xornadas de suspensión/redución dentro do período subvencionable por persoa traballadora.
2. Poderán ser beneficiarias todas aquelas empresas que conten con persoas traballadoras afectadas por ERTE de suspensión de contratos ou redución de xornada que cumpran os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo, podendo compensar os custos derivados da formación do dito persoal, sempre que as ditas empresas cumpran cos requisitos seguintes:
a) As empresas afectadas deberán ter pactado, formando parte do plan de acompañamento social, un plan de formación coa representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, coa comisión negociadora do ERTE.
b) O plan de formación deberá executarase durante a duración do ou dos ERTE de suspensión/redución, e desenvolverse accións formativas vinculadas á actividade profesional das persoas traballadoras afectadas, co obxecto de incrementar a súa empregabilidade e adaptación ao ámbito dixital. A duración do plan formativo poderá ser a mesma que a pactada para o ERTE. A formación poderá ser presencial ou en liña.