Axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular - 2023


  • 31/01/2023
  • 28/02/2023

IG300F - Axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular - 2023

Data de publicación: 31/01/2023

Data inicio de solicitude: 01/02/2023

Data remate de solicitude: 28/02/2023

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.

Características da axuda

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), débense dirixir a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1. Redución do consumo de recursos no proceso produtivo.

2. Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe

3. Análise do ciclo de vida do produto.

4. Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.

5. Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque á prestación de servizos.

6. Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7. Creación de cadeas de valor máis curtas. 

O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.

O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo as persoas empresarias autónomas, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.  


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Martes, 31 Enero, 2023
Válido hasta: 
Martes, 28 Febrero, 2023