Axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona) - 2024


  • 15/01/2024
  • 15/11/2024

IG402A - Axudas aos servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona) - 2024

Data de publicación: 15/01/2024

Data de inicio solicitude: 01/04/2024

Data de remate solicitude: 15/11/2024

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG nº 241, do 21 de decembro).

Os servizos para os que se poderá conceder axuda en especie consistentes na execución de servizos para a súa realización en empresas galegas están integrados nas seguintes categorías, descritas polo miúdo no anexo III da devandita Resolución do 12 de decembro de 2023:

Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:

- Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

- Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

- Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

- Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.

- Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.

- Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

- Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

- Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

- Servizos de preparación de procesos certificables.

- Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

Innovación:

- Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

- Servizos de protección da innovación.

- Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.

Características da axuda

As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos ata un máximo de 2 servizos por peme beneficiaria. Ademais, as pemes non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, agás que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivese finalizada.

Así mesmo, atendendo á necesidade de dedicación por parte da peme que implica o desenvolvemento da prestación, non se permitirá a prestación simultánea de máis dun servizo.

No caso de que unha peme teña concedido máis dun servizo, os servizos desenvolveranse secuencialmente, na orde que resulte da resolución da solicitude.

Os servizos serán prestados pola entidade colaboradora que elixa o solicitante, de entre as seleccionadas para cada tipo de servizo. A execución axustarase ás condicións mínimas establecidas na «oferta de servizo» presentada no Igape para a selección da entidade colaboradora, que será publicada na páxina web do Igape, e constará polo menos das tres fases seguintes:

a) Formación e sensibilización.

b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto.

c) Execución do plan de traballo.

Unha vez concedida a axuda en especie, a entidade colaboradora prestadora do servizo porase en contacto coa peme destinataria del, co fin de organizar a formación inicial descritiva do servizo, que poderá ser individual ou en grupo.

As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007. A subvención será do 80 % dos importes definidos para cada servizo.

O importe definido para cada tipo de servizo determínase segundo o seguinte esquema:

Denominación Importe do servizo (sen IVE)
Categoría 1: Análise e Avaliación competitiva 3.780€
Categoría 2. Optimización e mellora competitiva 5.355€
Categoría 3. Estratexias de Competitividade avanzada 6.300€

Persoas beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas, incluíndo as persoas traballadoras autónomas, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Neste último caso de entidades sen personalidade xurídica deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

Válido desde: 
Lunes, 15 Enero, 2024
Válido hasta: 
Viernes, 15 Noviembre, 2024