Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) - 2024
- 31/01/2024
- 29/02/2024
-
Etapa
PE155A - Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo - 2024
Data de publicación: 31/01/2024
Data de inicio solicitude: 01/02/2024
Data de remate solicitude: 29/02/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria das subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Características da axuda
No marco destas axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a seguir:
a) Aumento do valor, creación de emprego, valoración e fomento da participación das mulleres, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e a acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.
b) Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.
d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.
Porcentaxe de subvención aos proxectos subvencionables:
a) Como norma xeral, a porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50% do gasto subvencionable total da operación.
b) No caso de organizacións de pescadores ou outros beneficiarios colectivos do sector pesqueiro, a porcentaxe máxima de axuda para os proxectos non superará o 60% dos custos dos gastos subvencionables do proxecto.
c) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos poderá ascender ao 100% dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo e beneficiario colectivo.
d) No caso de operacións vinculadas á pesca costeira artesanal, a axuda poderá incrementarse ata o 100%. Entenderanse vinculadas á pesca costeira artesanal aquelas operacións desenvolvidas por aquelas persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo directamente actividades de pesca costeira artesanal e aquelas operacións levadas a cabo por entidades asociativas do sector pesqueiro que desenvolvan proxectos dirixidos só ao sector da pesca costeira artesanal.
Os proxectos que non estean promovidos polo sector pesqueiro terán un importe máximo de axuda de 200.000€ por beneficiario/a (ou conxunto de beneficiarios/as) e convocatoria.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, as seguintes:
1. Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.
2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas beneficiarias son as seguintes:
a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.
b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.
c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
d) Entidades públicas locais.
e) Asociacións declaradas de utilidade pública.