Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT)


  • 09/04/2024
  • 30/09/2024
Accede desde aquí

TR340E - Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) - 2024

Data de publicación: 09/04/2024

Data de inicio solicitude: 10/04/2024

Data de remate solicitude: 30/09/2024


Infografía explicativa


Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e a convocatoria dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan nesta orde para cada modalidade de axuda.

Características da axuda

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas, dentro do primeiro ano de actividade:

1) Subvención á creación directa de emprego estable.

Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha contía base de 6.000 euros.

A contía base do incentivo será de 8.000 euros por cada posto de traballo estable de carácter indefinido creado, cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

a) Mulleres.

b) Persoas mozas.

c) Persoas de 52 ou máis anos.

d) Persoas desempregadas de longa duración.

e) Persoas con discapacidade.

f) Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.

g) Persoas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

Os postos de traballo estables incentivaranse cunha contía base de 10.000 euros cando se trate de persoas tituladas universitarias desempregadas.

A contía base será de 12.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.

As contías base poderán incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a continuación, que son acumulables entre si:

a) Un 25% se a persoa incorporada é unha muller, salvo que opten polo colectivo de muller sinalado no apartado 1) anterior.

b) Un 25% no caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

c) Un 25% no suposto de persoas maiores de 45 anos, salvo que opten polo colectivo de persoa maiores de 52 anos sinalado no apartado 1) anterior.

d) Un 25% se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada ou persoa estranxeira, salvo que opten polo colectivo específico sinalado no apartado 1) anterior.

e) Un 25% se a persoa incorporada é trans.

No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%.

2) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Esta modalidade de axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade.

O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:

- 1 posto de traballo creado: ata 10.000 euros.

- 2 postos de traballo creados: ata 18.000 euros.

- A partir de 3 postos de traballo creados: ata 24.000 euros.

Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%.

3) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75% do custo dos servizos de gardaría ou das persoas coidadoras, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 12 anos.

Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75%, ata un máximo de 3.000 €, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores de 70 anos e/ou dependentes (graos I, II e III) ou con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que acredite a súa relación de parentesco e a convivencia no mesmo domicilio, como mínimo, durante os tres meses anteriores á data da solicitude.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polos que se obtivese a subvención establecida no apartado 1) anterior, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales as dúas persoas cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dadas de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

As axudas por gardería e por coidado das persoas maiores ou dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre si.

4) Apoio á función xerencial.

Este apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda para a formación da persoa promotora ou empresaria co fin de obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

b) Axuda pola realización externa de análises, estudos, informes ou outras formas de asesoramento sobre a actividade que realiza a IEBT, para que a persoa promotora ou empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción.

A contía do incentivo para o apoio á función xerencial será do 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 5.000 euros para a axuda á formación prevista na alínea a), e cun límite de 10.000 euros polo conxunto das modalidades de apoio á función xerencial previstas.

No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos.

Para poder acceder ás distintas modalidades de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.


Publicación DOG

Ficha sede electrónica

Válido desde: 
Martes, 9 Abril, 2024
Válido hasta: 
Lunes, 30 Septiembre, 2024