Subvencións para financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave - 2


  • 30/08/2024
  • 31/10/2024

TR301X - Subvencións para financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave - 2024

Data de publicación: 30/08/2024

Data inicio de solicitude: 06/09/2024

Data remate de solicitude: 31/10/2024

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para financiar as especialidades formativas relacionadas no anexo III da convocatoria e dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación formal total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou á adquisición de competencias clave.

Para os efectos desta Orde, entenderase con carácter xenérico como especialidade formativa calquera oferta do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, ou calquera competencia clave, que se vaia impartir nunha acción formativa.

Características da axuda

A superación dun grao C conduce á obtención dun certificado profesional de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso.

A superación dun grao B conduce á obtención dun certificado de competencia e permite a continuidade do itinerario formativo e a progresión cara a un grao C.

A superación dun grao A conduce á obtención dunha acreditación parcial da competencia de nivel 1, 2 ou 3.

A superación dunha competencia clave posibilítalle ao alumnado que non cumpra os requisitos académicos exixidos a obtención de certificados profesionais de nivel 2 ou 3, segundo o caso.

As accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención serán as correspondentes a aquelas ofertas de formación profesional dos graos A, B e C e competencias clave que en cada convocatoria se determinen, así como os módulos transversais que se impartan asociados a estas.

A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire a Orde.

Poderán ser obxecto de subvención aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo III da convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.

Unha acción formativa poderá impartirse nun ou varios grupos e de acordo cos límites que se establezan para cada modalidade de impartición. De ser o caso, e independentemente do número de grupos en que se desagregue unha acción formativa, as sesións de formación e avaliación presencial da acción formativa deberán efectuarse nun único centro presencial.

A participación das persoas traballadoras ocupadas en accións formativas que se vaian impartir na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade virtual estará limitada a un máximo de 8 horas diarias e 40 semanais, e non estará permitida a súa realización en horario nocturno.

Na modalidade virtual, o límite máximo de horas de formación que haberá que programar por mes natural será de 120. Este número de horas reducirase proporcionalmente no caso de que a formación non se imparta a mes completo, e consideraranse, para os efectos de realizar este axuste, meses de 30 días.

As accións formativas dirixidas a impartir competencias clave desenvolveranse na modalidade presencial, e non estará permitida a formación a través de aula virtual.

Enténdese por formación na modalidade presencial aquela que ten lugar nunha aula, coa presenza do profesorado, que transmite os coñecementos nun mesmo lugar e tempo a un grupo de alumnas e alumnos.

As sesións de formación e avaliación presencial da formación que se desenvolvan na modalidade virtual deberán realizarse en centros presenciais localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e homologados pola Administración pública competente para impartir a correspondente especialidade formativa.

As entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo utilizando o campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá á disposición das entidades de formación, sen que a impartición da totalidade dunha especialidade formativa poida realizarse a través de aula virtual.

As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras ocupadas.

A consideración de persoa traballadora ocupada virá determinada pola súa situación laboral referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego. As persoas traballadoras ocupadas que accedan á situación de desemprego cando se encontren en período formativo poderán seguir participando na acción formativa que están cursando.

Terán a consideración de persoas traballadoras ocupadas tanto as persoas traballadoras ou socias de empresas de economía social que acheguen actividade económica como as persoas traballadoras autónomas ou as persoas socias traballadoras, ou de traballo, dunha sociedade cooperativa ou dunha sociedade laboral.

A concesión e xustificación das subvencións concedidas realizarase a través do réxime de módulos económicos.

Para os efectos de aplicar o dito réxime, a determinación da contía dos módulos económicos específicos das distintas especialidades formativas que se van ofertar establecerase na convocatoria e de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da orde EFP/942/2022.

O cálculo do importe dos módulos específicos efectuarase conforme criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa, en función da familia profesional, área profesional ou especialidade formativa, así como da modalidade de impartición.

Para os efectos do previsto na Orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

A contía da subvención que se vai conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de persoas participantes previsto, do número de horas do programa formativo e dos módulos económicos específicos solicitados por participante e hora de formación recollidos, para cada familia ou área profesional, ou especialidade formativa, e en función da modalidade de impartición, no anexo III da convocatoria.

Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial euro/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.

A valoración económica dos módulos transversais será a mesma cá dos módulos económicos establecidos no anexo III para os contidos específicos da acción formativa, e de acordo coa modalidade de impartición en que os módulos transversais se realicen.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas e as entidades sen ánimo de lucro que, na data de entrada en vigor da convocatoria, estean acreditadas ou, de ser o caso, inscritas para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.

As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C ou as especialidades formativas de competencias clave no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.

As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente homologadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.

As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.


Publicación Boletín

Ficha sede electrónica

Válido desde: 
Viernes, 30 Agosto, 2024
Válido hasta: 
Jueves, 31 Octubre, 2024