Axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia - 2024


  • 27/08/2024
  • 27/09/2024
Accede desde aquí

SI429A - Axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia - 2024

Data de publicación: 27/08/2024

Data inicio de solicitude: 28/08/2024

Data remate de solicitude: 27/09/2024

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia.

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Características da axuda

O programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprila, como mínimo, o 50 % das promotoras.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda.

A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 10.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da liña Activa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial na mesma actividade económica para a cal se proxecta o plan de reactivación e/ou mellora. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que en total non superen os tres meses.

b) Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán recollerse no plan de negocio empresarial e deberán consistir nalgunha das seguintes medidas:

- Cambio de localización da actividade.

- Acondicionamento ou renovación das instalacións.

- Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas.

- Compra de maquinaria e/ou ferramentas.

- Implantación de novas tecnoloxías para a comercialización dos produtos ou servizos.

c) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

d) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación ou mellora, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse no prazo comprendido desde o 1 de agosto de 2023 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa, ocupados por mulleres, como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 8.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 14.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 17.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas, cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial. Ademais, en todo caso, ten que gardarse a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo creados.

g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

A contía dos incentivos da liña ITEF determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 27.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 32.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 42.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

A liña Concilia é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras como das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Activa ou ITEF previstas nesta convocatoria.

A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s que na data de finalización do prazo de xustificación da axuda sexan menores de tres anos.

A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:

a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para todo o cadro de persoal da empresa, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, ou ter un plan de igualdade vixente, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea e que non estean xa recollidas como obrigatorias na lexislación vixente. Neste suposto o incentivo será de 4.000 euros por empresa.

O acordo ou pacto de conciliación deberá recoller, polo menos, catro dalgunha das medidas que se relacionan a continuación:

- Horario flexible de entrada e/ou saída nunha marxe de como mínimo 30 minutos.

- Xornada intensiva os venres e/ou en determinadas datas (Nadal, Semana Santa, etc.).

- Xornada intensiva nos meses de verán.

- Bolsa de horas ou posibilidade de concentrar máis número de horas nun determinado día ou período concreto e así acumular horas de libre disposición.

- Posibilidade de elixir ou cambiar quendas.

- Posibilidade de reducir o tempo de comida e adiantar a hora de saída.

- Organización da formación e/ou reunións en horario laboral.

- Vacacións flexibles.

b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral. O incentivo neste caso será de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea cun máximo de 5.000 euros por empresa.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta Orde.


Publicación Boletín

Ficha sede electrónica

Válido desde: 
Martes, 27 Agosto, 2024
Válido hasta: 
Viernes, 27 Septiembre, 2024