Axudas a startups - 2026


  • 16/01/2026
  • 30/09/2026

IG408G - Axudas a startups - 2026

Data de publicación: 16/01/2026

Data inicio de solicitude: 26/01/2026

Data remate de solicitude: 30/09/2026

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a fomentar a actividade das startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia subvencionando os gastos e os investimentos en que incorran desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data da solicitude de axuda.

Características da axuda

Poderá ser subvencionable calquera gasto ou investimento en que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data da solicitude de axuda, que estea vinculado coa actividade da startup en Galicia.

O importe mínimo subvencionable deberá acadar 10.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser en activos novos, adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros.

Concederase unha axuda do 100 % ata un máximo de 20.000 € para os gastos e os investimentos realizados (facturados e pagados) pola startup durante o período subvencionable.

No caso de gastos periódicos de pagamento por períodos superiores ao subvencionable, só será subvencionable a parte proporcional correspondente ao período subvencionable, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2026 e a data de presentación da solicitude de axuda.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.

Consideraranse startups, de acordo coa definición contida no artigo 3 da lei 28/2022, do 21 de decembro, de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, toda persoa xurídica, incluídas as empresas de base tecnolóxica creadas ao abeiro da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que reúna simultaneamente as seguintes condicións:

a) Ser de nova creación ou, non sendo de nova creación, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil, ou rexistro de cooperativas competente, da escritura pública de constitución, con carácter xeral, ou de sete, no caso de empresas de biotecnoloxía, enerxía, industriais e outros sectores estratéxicos ou que desenvolvesen tecnoloxía propia, deseñada integramente en España.

b) Non xurdir dunha operación de fusión, escisión ou transformación de empresas que non teñan consideración de empresas emerxentes. Os termos concentración ou segregación considéranse incluídos nas anteriores operacións.

c) Non distribuír nin ter distribuído dividendos, ou retornos no caso de cooperativas.

d) Non cotizar nun mercado regulado.

e) Ter a súa sede social, domicilio social ou establecemento permanente en España.

f) Ter ao 60 % do persoal cun contrato laboral en España. Nas cooperativas computaranse dentro do persoal, para os sós efectos da citada porcentaxe, os socios traballadores e os socios de traballo cuxa relación sexa de natureza societaria.

g) Desenvolver un proxecto de emprendemento innovador que conte cun modelo de negocio escalable, segundo o previsto na Resolución.

Para acceder a estas axudas, as startups deberán cumprir, ademais, polo menos, unha das seguintes condicións no momento de solicitar a axuda:

- Dispor da certificación de ENISA prevista na Lei 28/2022. A posesión desta certificación en vigor acredita tamén o cumprimento dos requisitos establecidos.

- Acreditar a cualificación de Iniciativa de emprego de base tecnolóxica da Xunta de Galicia (EIBT).

- Ter participado nalgún proceso de aceleración en iniciativas con participación pública da Xunta de Galicia no seu desenvolvemento (Viagalicia, BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimatech, Turislab, Galicia Avanza).

- Acreditar mediante un certificado para o efecto emitido polo centro de orixe o carácter de spin-off das universidades, dos centros de FP ou de centros tecnolóxicos.

- Estar inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.

- Dispor da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de peme innovadora ou xove empresa innovadora, respectivamente.

- Dispor da marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Viernes, 16 Enero, 2026
Válido hasta: 
Miércoles, 30 Septiembre, 2026