Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona) - 2026

- 16/01/2026
- 30/09/2026
-
Etapa
IG402A - Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona) - 2026
Data de publicación: 16/01/2026
Data inicio de solicitude: 26/01/2026
Data remate de solicitude: 30/09/2026
Obxecto
Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante a Resolución do 12 de decembro de 2023 (DOG núm. 241, do 21 de decembro).
Características da axuda
As axudas en especie estarán destinadas á execución de servizos en empresas galegas, agrupados nas seguintes tipoloxías:
Profesionalización e desenvolvemento estratéxico:
- Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.
- Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.
- Servizos de análise do cumprimento normativo e dos riscos legais (Compliance).
- Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.
- Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.
- Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
- Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.
- Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.
- Servizos de preparación de procesos certificables.
- Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.
Innovación:
- Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
- Servizos de protección da innovación.
- Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.
As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos ata un máximo de dous (2) servizos por peme beneficiaria. As pemes non poderán ser beneficiarias dun servizo do mesmo tipo que outro do que fosen beneficiarias nesta convocatoria ou nalgunha das dúas inmediatamente anteriores, agás no caso de renuncia debidamente formalizada antes do comezo da súa execución.
Así mesmo, atendendo á necesidade de dedicación por parte da peme que implica o desenvolvemento da prestación, non se permitirá a prestación simultánea de máis dun servizo. No caso de que unha peme teña concedido máis dun servizo, os servizos desenvolveranse secuencialmente, na orde que resulte da resolución das solicitudes.
Excepcionalmente, se a empresa conta cun número suficiente de persoas traballadoras e está organizada en distintos departamentos que permitan a prestación simultánea de servizos, esta poderá ser autorizada polo Igape á vista dun informe da entidade colaboradora que xustifique a excepción.
Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios.
O Igape ten publicada na páxina indicada abaixo a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, con detalle das súas condicións.
As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie da disposición adicional terceira da Lei 9/2007.
A subvención será do 80 % dos importes definidos para cada servizo.
O importe definido para cada tipo de servizo determínase segundo o seguinte esquema, en función da duración mínima orientativa de cada servizo:
| Denominación | Importe do servizo (IVE non incluído) |
| Categoría 1: análise e avaliación competitiva | 3.780 € |
| Categoría 2: optimización e mellora competitiva | 5.355 € |
| Categoría 3: estratexias de competitividade avanzada | 6.300 € |
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo unha actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste último caso de entidades sen personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación.