Subvencións ás accións formativas Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas - 2026


  • 23/01/2026
  • 01/12/2026

TR302A - Subvencións ás accións formativas Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas - 2026

Data de publicación: 23/01/2026

Data inicio de solicitude: 30/01/2026

Data remate de solicitude: 01/12/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para o financiamento de programas de formación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, ás necesidades de adaptación aos cambios operados no posto de traballo e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado da profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

Características da axuda

Poderán ser obxecto de financiamento as especialidades formativas das áreas profesionais que se determinen no anexo III da Orde, e coa contía que nel se estableza, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.

Nas especialidades formativas e módulos formativos transversais impartidos na modalidade de teleformación será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial €/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 7,5 €.

Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.

Para os gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade, establécese unha contía máxima por persoa alumna de 500 €.

O número mínimo de persoas traballadoras ocupadas por acción formativa solicitada para as que as entidades deberán contar cun compromiso de participación previo á presentación da solicitude de subvención será do 30 % das persoas participantes programadas arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5.

O número máximo de participantes en accións formativas que se impartan na modalidade presencial será de 15 persoas.

Non poderá iniciarse ningunha acción formativa que non reúna o primeiro día do curso un mínimo de 8 persoas alumnas.

Entre as persoas participantes que inician deberán figurar como asistentes cando menos o 50 %, arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5, das persoas ocupadas que asumiron o compromiso de participar. Da cifra resultante descontaranse as persoas traballadoras comprometidas que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado, ou como consecuencia de estaren seleccionadas noutra acción formativa financiada con fondos públicos do ámbito da formación para o emprego, e sempre e cando estes supostos se produciran con posterioridade á presentación da solicitude de subvención.

En ningún caso se descontará da obriga de participar en base a estar seleccionadas noutra acción formativa a aquelas persoas que fosen comprometidas pola mesma entidade en distintas accións formativas por ter inicialmente datas de impartición non coincidentes.

Na formación que se imparta na modalidade de teleformación o número máximo de participantes será de 30 persoas por acción formativa.

Ademais das persoas traballadoras ocupadas, poderán participar nas accións formativas reguladas nesta orde as persoas traballadoras desempregadas, ata un límite do 30 % arrendondado ao enteiro inferior do número de persoas programadas na acción formativa. Este límite aplicarase sobre as persoas participantes programadas no momento de validación da acta pola Oficina de Emprego e será revisado por SIFO sobre as persoas participantes iniciadas o día de inicio do curso.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades de formación que sexan titulares de centros de formación inscritos no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparte na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, para impartir, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, formación profesional no traballo naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

Para estes efectos considéranse igualmente entidades de formación as persoas autónomas titulares de centros de formación debidamente inscritos.

As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das acciones formativas solicitadas.

Las entidades deberán ter implementado no centro de formación un sistema de xestión da calidade, vixente e certificado por entidades certificadoras acreditadas, Norma ISO 9001 ou certificado de calidade e excelencia EFQM, relativo á súa actividade de formación.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Viernes, 23 Enero, 2026
Válido hasta: 
Martes, 1 Diciembre, 2026