Programa Galicia Suma Talento: Emprégate, de incentivos á contratación na empresa ordinaria - 2026


  • 10/02/2026
  • 30/09/2026

TR342C - Pograma Galicia Suma Talento: Emprégate, de incentivos á contratación na empresa ordinaria - 2026

Data de publicación: 10/02/2026

Data inicio de solicitude: 17/02/2026

Data remate de solicitude: 16/03/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e en entidades sen ánimo de lucro, especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral.

Características da axuda

Inclúe cinco modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

e) Transformación en indefinidos dos contratos formativos subvencionados con cargo ao Programa de primeira experiencia profesional (TR353C).

Para que as contratacións, os incrementos de xornada ou os incrementos na duración anual dos contratos fixos-descontinuos sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice cunha persoa que se encadre nalgún dos colectivos sinalados.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026, ambas as dúas datas incluídas. No caso de incremento de xornada ou de incremento na duración anual do contrato fixo, o dito incremento deberá realizarse igualmente no período subvencionable, do 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, ambas as dúas datas incluídas.

c) Que as contratacións ou os incrementos de xornada teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) No caso de axudas para a adaptación de postos de traballo, que o gasto estea realizado na data de presentación da solicitude.

Modalidades e requisitos aplicables a cada tipo de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

O número máximo de contratos subvencionables por persoa ou entidade beneficiaria establécese en cinco (5). As empresas pertencentes ao mesmo grupo de empresas consideraranse unha única empresa para estes efectos.

Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida e a xornada a tempo completo. Exclúense os contratos fixos-descontinuos.

Exceptúanse da xornada a tempo completo as contratacións de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial; a xornada a tempo parcial será como mínimo do 50 %.

Para ser subvencionable, a contratación deberá realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como desempregada a definición establecida.

As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

b) Incrementos de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

Os incrementos de xornada, das contratacións indefinidas a tempo parcial realizadas con calquera dos colectivos sinalados, serán subvencionables cando acaden o 100 % da xornada ordinaria ou da establecida no convenio colectivo de aplicación, e deben producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa. O incremento deberá ser de polo menos o 50 % sobre a duración inicial do contrato que se incrementa e debe producirse no período subvencionable e con anterioridade ou na mesma data da solicitude da axuda. Os contratos realizados con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade cuxo contrato se subvenciona ao abeiro desta orde. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa en que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada, así como os gastos realizados, conforme o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

e) Transformación de contratos formativos subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional (TR353C), nos 2 anos previos á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en contratos indefinidos.

As axudas definidas terán os seguintes incentivos:

a) As contratacións indefinidas iniciais das persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo a que pertenza a persoa contratada, conforme as definicións establecidas:

A. Persoa moza: 6.000 €.

B. Muller vítima de violencia de xénero, vítima de trata de seres humanos, muller con fillos ou fillas menores de 3 anos desempregada de longa duración ou inactiva nos últimos 3 anos: 10.000 €.

C. Muller en ocupacións masculinizadas: 10.000 €.

D. Persoa desempregada de longa duración: 6.000 €.

E. Persoa de 52 anos ou máis: 6.000 €.

F. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 6.000 €.

G. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 10.000 euros. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

H. Persoa desempregada que nos últimos 2 anos rematara e superara a formación conducente á obtención dun certificado profesional no marco de accións de AFD (TR301K) ou de obradoiros de emprego (TR335A), e persoa desempregada que nos últimos 2 anos rematara un programa integrado de emprego (TR332A): 10.000 €.

I. Persoa desempregada que desenvolvera un contrato formativo ao abeiro do Programa de primeira experiencia profesional (TR353C) nos 2 anos previos á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia: 10.000 €.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

Nun 15 %:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra E do punto anterior).

III. Persoas trans.

IV. Muller (incremento non aplicable na letra B e C do punto anterior).

Nun 25 %:

V. Persoa beneficiaria e que superase os estudos vinculados ás bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME) nos 2 anos previos á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A contía máxima posible para subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 17.000 €.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante. En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación que conste no expediente. Se non queda acreditado o dereito a ningún destes incrementos, entenderase que solicita pola contía base mínima.

b) Incremento de xornada das contratacións indefinidas (de xornada parcial a xornada completa): incentivo de 2.000 €. Se o incremento de xornada se realiza con persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 4.000 €.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 €.

e) Transformación de contratos formativos subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional (TR353C) en indefinidos: 5.000 €.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destes incentivos as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e coas condicións que se establecen.

Tamén poden ser entidades beneficiarias dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, salvo para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se lle dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Infografía informativa

Válido desde: 
Martes, 10 Febrero, 2026
Válido hasta: 
Miércoles, 30 Septiembre, 2026