A Xunta apoia con 5 millóns de euros a posta en marcha de novas iniciativas empresariais a través do programa de Galicia Emprende
A Xunta vai activar nos próximos días a nova convocatoria do programa Galicia Emprende, dotada con 5 millóns de euros e que prevé beneficiar a arredor de 50 novas iniciativas ou proxectos empresariais con menos de 42 meses de actividade, mobilizando 6,5 millóns de euros.
Os apoios deste programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación chegarán ao 80% do investimento subvencionable, ata un máximo de 400.000 euros de axuda por persoa / empresa beneficiaria, e poden destinarse a obra civil, adquisición de bens de equipo, mobiliario, activos inmateriais, gastos de persoal, alugueiros ou contratacións externas de servizos, entre outros.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para esta semana, e finalizará transcorridos 45 días naturais. Entre os criterios de valoración, primarase a creación de emprego, a innovación, a aplicación de medidas de economía verde e circular ou a formación. Ademais, as empresas de economía social e aquelas que dispoñan da Marca Galega de Excelencia en Igualdade recibirán máis puntuación.
Ao abeiro da anterior edición do programa Galicia Emprende, a Xunta concedeu axudas por case 3,78 millóns de euros para apoiar 106 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que desenvolven investimentos de 14 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 302 empregos.
Ademais deste programa de axudas, as persoas emprendedoras galegas dispoñen de diferentes apoios no ámbito do financiamento e o asesoramento, entre os que se atopa a rede de aceleradoras StartIN Galicia, que conta con iniciativas como as Business Factory vinculadas a sectores estratéxicos como a automoción (BFAuto), o alimentario (BFFood), o aeroespacial (BFAero) ou o farmacéutico (BFMedicines).