Conde avanza que a Xunta aumentará en seis meses a tarifa plana de 50 euros para garantir a continuidad de 6.000 persoas traballadoras autónomas
- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou na visita que realizou á empresa Ingaf da Coruña, que esta iniciativa sae hoxe mesmo publicada no Diario Oficial de Galicia
- O Goberno galego investirá 3 millóns de euros nesta actuación que se pon en marcha por primeira vez, tras ser dialogada na Mesa do Autónomo, co obxectivo de apoiar a consolidación deste colectivo
- Conde indica que a Consellería amplía cun millón de euros, os apoios á contratación indefinida para as persoas que traballan por conta propia
- Estas novas actuacións enmárcanse na Estratexia 2020 á que se destinan 40 millóns ao ano para que en Galicia sexa máis favorable poñer en marcha unha actividade económica
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe na Coruña, nunha visita que realizou á empresa Ingaf (dedicada a proxectos de enxeñería medioambiental, agronómica, forestal e sustentabilidade) que a Xunta incrementará en seis meses máis a tarifa plana do Estado de 50 euros dirixida ao emprego autónomo para garantir a continuidade de 6.000 persoas traballadoras.
Conde destacou que esta axuda, enmarcada na Estratexia Autónomo 2020, saiu onte publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun investimento de 3 millóns de euros. Este apoio, en palabras de Conde, permitirá ás persoas traballadoras manter durante seis meses máis a cota reducida á Seguridade Social, pagando, deste xeito, durante o seu primeiro ano de actividade só 50 euros.
Trátase dunha actuación dirixida a aquelas persoas que acrediten ter sido beneficiarias este ano da axuda do Estado e a teñan esgotada. É a primeira vez que a Administración autonómica pon en marcha esta medida, dialogada na Mesa do Autónomo, co obxectivo de apoiar a consolidación deste colectivo, dinamizando, ao mesmo tempo, a economía galega.
Conde explicou que ademais de impulsar a creación de novas empresas, é tamén importante deseñar os mecanismos necesarios para que as firmas en activo poidan seguir crecendo e ampliar os seus mercados, como é o caso desta nova axuda que se activa e que se suma a outras como o Bono Autónomo, que con apoios de ata 3.000 euros por persoa traballadora, busca a mellora dos negocios. O prazo de solicitude aínda está aberto, ata o día 31 de agosto, para as persoas autónomas que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses.
Así mesmo, onte 23 de agosto o DOG publicaba a ampliación das dirixidas á contratación indefinida da primeira, segunda e terceira persoa traballadora cun millón de euros máis alcanzando, así, os 2,1 millóns. As contías mínimas destes apoios aumentaron este ano, pasando de 4.000 a 5.000 euros para a contratación da primeira persoa traballadora e de 5.000 a 6.000 euros para a segunda e terceira.
Todas estas actuacións forman parte da Estratexia Autónomo 2020 á que se destinan este ano 40 millóns de euros, dos que un 80% xa están en activo. Outras actuacións tamén en marcha dirixida ao emprego autónomo son as axudas para o inicio de actividade, o programa para menores de 30 anos, que prevé apoios de entre 4.000 e 8.000 euros, ou a Oficina do Autónomo, unha xanela única onde se pode obter información actualizada.
Conde, por último, afirmou que proximamente activaranse novas ferramentas para que en Galicia sexa cada vez máis favorable poñer en marcha unha idea como son cursos de formación específicos para a adaptación aos novos tempos, con 3,5 millóns; a orde para favorecer a conciliación con axudas para a contratación dunha persoa durante 16 semanas máis, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade; ou o programa de relevo xeracional.
Máis información neste enlace