A Xunta ofrecerá formación online e gratuíta en comercio electrónico a 1.200 persoas autónomas de Galicia

A Xunta inicia este mes de maio a segunda edición do programa Autónomos Dixitais enfocado a que as persoas traballadoras autónomas melloren as súas competencias en comercio electrónico e saiban como aproveitar mellor as novas canles online de comunicación que existen para ofrecer aos seus clientes os seus produtos e servizos.

A formación, ademais de gratuíta, é flexible e adaptable aos horarios de preferencia, impártese a través dunha aula dixital e conta con titorización persoal.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou na Mesa do Emprego Autónomo de Galicia a iniciativa coa que se prevé formar a 1.200 persoas traballadoras por conta propia en e-commerce xa que, segundo explicou, o comercio electrónico adquiriu unha gran importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos.

En palabras da conselleira, a Xunta ten que seguir apostando polo comercio tradicional, incentivando nas tendas as compras e axudando ao mantemento dos seus postos de traballo e, ao mesmo tempo, debe seguir impulsando a formación en dixitalización para apoiar ás persoas autónomas ante os novos retos.

Neste contexto, naceu o programa Autónomos Dixitais que este ano diríxese a catro perfís: a mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e persoas autónomas que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da Covid-19; e maiores de 45 anos. Para cada un deses catro perfís impartiranse dous cursos en formato dixital e gratuítos: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate o alumnado recibirá un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.

O primeiro dos cursos, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico, centrarase en coñecer os conceptos básicos e aspectos xurídicos do e-commerce, adquirir nocións básicas sobre márketing dixital, promoción e ferramentas 2.0 en Internet e identificar canles de comercialización e distribución.

Na acción formativa avanzada, de Especialista en e-commerce, dirixida a persoas con experiencia profesional na materia ou formación previa, coñeceranse as opcións de financiamento de proxectos de comercio electrónico, como elaborar un plan de márketing en liña, afondarase en aspectos como a protección de datos, seguridade ou medios de pagamento dispoñibles, crearse e xestionarase unha tenda online con Prestashop e darase formación en xestión de datos, provedores e loxística de envío.

Os obxectivos principais do programa, en palabras da conselleira, son mellorar o grao de dixitalización das persoas traballadoras autónomas de Galicia e brindarlles a oportunidade de reposicionar o seu negocio “reemprendelo e/ou emprendelo”. Do que se trata é de reforzar o tecido empresarial galego e, por iso, esta iniciativa enmárcase nas medidas específicas que está a adoptar a Xunta para facer fronte á Covid-19.


Máis información