A Xunta reforza este ano o programa Emega de emprendemento feminino cun orzamento histórico de 3 millóns de euros para apoiar máis iniciativas empresariais femininas
A Xunta traballa para convocar o antes posible a nova edición do programa Emega de emprendemento feminino que na presente edición prevé contar cun orzamento histórico de 3 millóns de euros (o 40% máis que o ano pasado) co propósito de dar acubillo a máis iniciativas promovidas por mulleres e a xeración de máis postos de traballo feminino.
Emega rexistrou xa en 2020 un crecemento exponencial polo seu orzamento, 2,1 millóns de euros -o máximo acadado ata o momento polo programa- como polos proxectos empresariais liderados por mulleres e o emprego xerado. O ano pasado, un total de 197 iniciativas recibiron apoios do Goberno galego, o que permitiu xerar 323 postos de traballo ocupados por mulleres.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro telemático cunha das beneficiarias do programa que co proxecto Legalmit, radicado en Lugo e encadrado no ámbito das novas tecnoloxías adaptadas ao exercicio da avogacía, foi unha das 197 empresas creadas en 2020 co apoio da Xunta.
Emega é un dos programas que a Consellería de Emprego e Igualdade quere potenciar neste ano para paliar os efectos da pandemia e preparar a Galicia cara á reactivación económica. Para acadalo impulsa a actividade empresarial feminina, con accións favorecedoras da conciliación, esenciais para o éxito laboral das mulleres.
O programa de emprendemento está estruturado en catro liñas de actuación:
- A liña Emprende, que está destinada a posta en marcha de novas empresas;
- Innova, para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres;
- Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais;
- e ITEF, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.
A Xunta ofrece ademais dúas modalidades de axudas complementarias:
- Concilia, de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar;
- e Dual para impulsar a participación das promotoras no programa de acompañamento e titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais apoiados ao abeiro desta convocatoria, que desde o ano 2019 abrangue a todas as beneficiarias das axudas Emega.