Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación - 2022
- 18/04/2022
- 18/05/2022
-
Etapa
IN848D - Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación - 2022
Data de publicación: 18/04/2022
Data inicio de solicitude: 19/04/2022
Data remate de solicitude: 18/05/2022
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia.
Características da axuda
A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada beneficiario determinarase sobre o investimento total que se subvenciona e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, segundo a seguinte táboa:
Modalidade | Investimento | Subvención | Intensidade |
---|---|---|---|
Subvención non reembolsable | De 80.000€ a 200.000€ | De 40.000€ ata 100.000€ | 50% |
As actividades incluídas no plan de innovación que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.
a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades, incluídas na memoria descritiva da solicitude, e que permitan implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros. A presentación dun plan de innovación cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023; a presentación dun plan de innovación cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
d) As actividades que se subvencionan serán, a modo indicativo as achegadas no catálogo de actividades do anexo I.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
As beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA).