Programa Investigo - 2023
- 02/01/2023
- 02/02/2023
-
Etapa
TR349V - Programa Investigo - 2023
Data de publicación: 02/01/2023
Data inicio de solicitude: 03/01/2023
Data remate de solicitude: 02/02/2023
Obxecto
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións do Programa Investigo, para o exercicio 2023.
Será obxecto das subvencións a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, polos organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado, e entidades privadas sen ánimo de lucro, xunto con empresas que estean a investir en investigación e innovación pertencentes ao sector público ou privado, na realización de iniciativas de investigación e innovación recollidas na orde que as regula.
Características da axuda
As subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.
Non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen calquera tipo de posto de investigación no prazo de 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude na mesma entidade, organismo, centro ou empresa ou grupo de empresas. Tampouco se poderán contratar as persoas mozas cuxos contratos foron subvencionados ao abeiro do Programa Investigo 2022.
Os contratos formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente. O período subvencionado será de 12 meses mesmo cando o contrato formalizado teña unha duración superior, sen prexuízo do establecido no punto 3.a) do artigo 5º da orde que regula esta convocatoria.
En todo caso, deberase ter en conta a normativa laboral que sexa de aplicación por razón do contrato asinado. A xornada de traballo será a tempo completo.
Os custos laborais incluirán os custos salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.
Modulo A: o módulo ascenderá a 22.405,92 euros por persoa contratada e ano de contratación (1.867,16 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 9 a 5, ambos incluídos.
Módulo B: o módulo ascenderá a 33.108,84 euros por persoa contratada e ano de contratación (2.759,07 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 4 a 1, ambos incluídos.
De acordo con iso, o importe desta subvención calcularase en función das previsións recollidas no proxecto: número de persoas que se van contratar, e meses de contratación de cada unha delas e o módulo segundo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda, de acordo co sinalado anteriormente.
Persoas beneficiarias
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias da subvención os seguintes organismos, centros e entidades de investigación e de difusión de coñecementos:
a) Universidades do Sistema universitario público de Galicia e universidades privadas radicadas en Galicia con capacidade e actividade demostrada en I+D+i.
b) Centros e institucións sanitarias públicas e privadas radicadas en Galicia sen ánimo de lucro, que desenvolvan actividades de I+D+i, así como os Institutos de investigación sanitaria acreditados.
c) Os centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, integrados nalgunha consellería e outros organismos públicos de investigación de Galicia.
d) Outros centros públicos de I+D+i, con personalidade xurídica propia, que nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou na normativa que os regule teñan a I+D+i como actividade principal.
e) Empresas pertencentes ao sector público autonómico que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación.
f) Empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como outras empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación.
g) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica situados en Galicia.
h) Centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, situados en Galicia que teñan definida nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou na normativa que os regule a I+D+i como actividade principal.