Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios - 2023
- 27/01/2023
- 30/03/2023
-
Etapa
MR340A - Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios - 2023
Data de publicación: 27/01/2023
Data inicio de solicitude: 28/01/2023
Data remate de solicitude: 30/03/2023
Obxecto
Esta orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas.
Características da axuda
As axudas consistirán en subvencións cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos, cuxa concesión se efectuará mediante concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda poderán incluír soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre si nas condicións indicadas.
Considéranse incentivables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea.
Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a súa cantidade ou o seu valor económico total non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final.
Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do tratado).
Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:
a) A construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) A compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.
As subvencións consistirán en axudas para a execución de proxectos de investimentos e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda dos investimentos subvencionables indicadas na táboa seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos.
Tipos de produtos finais | Tipo de empresas solicitante | ||
---|---|---|---|
Microempresas e pequenas empresas | Empresas medianas | Resto de empresas | |
Incluídos na súa totalidade no anexo I do tratado | 50% | 50% | 50% |
Non incluídos na súa totalidade no anexo I do tratado | 35% | 25% | 15% |
En calquera caso, o importe da axuda concedida a un proxecto presentado non superará os importes indicados na orde, aplicables por tramos do investimento subvencionable total, e fixados en función da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración establecidos.
Ademais estas axudas consistirán en garantías do 80 % do risco inherente a cada préstamo formalizado destinado a financiar os proxectos de investimento, determinado conforme as condicións establecidas. As características dos préstamos garantidos establécense no convenio entre o MAPA e as entidades financeiras para facilitar os préstamos garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada (IFXC), e serán amparables por esta orde exclusivamente os correspondentes a unha duración total de ata 15 anos con 3, como máximo, de carencia dentro dos incluídos no referido convenio,
Persoas beneficiarias
Poderán acollerse a estas axudas as persoas empresarias individuais ou as sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.