Préstamos directos para o financiamento empresarial - 2023


  • 31/01/2023
  • 29/12/2023

IG408B - Préstamos directos para o financiamento empresarial - 2023

Data de publicación: 31/01/2023

Data inicio de solicitude: 01/02/2023

Data remate de solicitude: 29/12/2023 (ou ata esgotar o crédito orzamentario)

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar os préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva.

Características da axuda

O Igape poderá financiar actuacións empresariais vinculadas a unha actividade económica, viables, para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran, ademais, os requisitos específicos establecidos no anexo I da resolución para cada modalidade de préstamo.

Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos establecidos, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución da actuación.

Actividades financiables: as actuacións financiables deberán estar vinculadas aos sectores establecidos como financiables, que serán os sinalados no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Sen prexuízo das limitacións establecidas no anexo I da resolución, poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non se cumpriren as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible, recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto, unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto, poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económico-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade.

As características específicas de cada modalidade de préstamo serán as detalladas no anexo I da resolución.

Importe do financiamento: os importes mínimos e máximos do financiamento e a porcentaxe de gasto financiable serán os establecidos no anexo I da resolución para cada unha das modalidades de préstamo. O importe nominal da operación de financiamento non superará en ningún caso a suma dos conceptos da actuación financiable pendentes de pagamento na data de presentación da solicitude.

Reembolso: os préstamos serán reembolsables nos prazos e coas carencias sinalados no anexo I da resolución.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destes préstamos aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I da resolución.

c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Martes, 31 Enero, 2023
Válido hasta: 
Viernes, 29 Diciembre, 2023