Publicadas as bases da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a Resolución pola que se establecen as bases reguladoras da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 cun orzamento máximo de 60.000€.
Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galicia de Innovación «Grande empresa» e ao Premio Galicia de Deseño «Empresa», que terán un carácter estritamente honorífico.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de outubro, ambos os dous incluídos.
Nesta ocasión, os IV Premios Galicia de Innovación e Deseño para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva céntranse nas seguintes modalidades:
a) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Traxectoria innovadora».
b) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Grande empresa».
c) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Pequena e mediana empresa».
d) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Profesionais».
e) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Empresa».
f) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Talento emerxente».
Os premios de innovación serán avaliados polo Xurado de Innovación e haberá un Xurado de Deseño para as diferentes modalidades dos premios de deseño.
Xunto co formulario de solicitude (anexo I) da proposta de candidatura, na que se indicará a modalidade a que se presenta a persoa física ou xurídica de entre as seis posibles descritas, xuntarase a documentación complementaria establecida para cada unha das modalidades.