Axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo - 2024


  • 08/08/2024
  • 09/09/2024

SI440A - Axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo - 2024

Data de publicación: 08/08/2024

Data inicio de solicitude: 09/08/2024

Data remate de solicitude: 09/09/2024

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto convocar as axudas á conciliación da vida familiar e laboral do ano 2024 coa finalidade de fomentar a asunción, especialmente por parte dos homes, dos dereitos asociados coa corresponsabilidade e coidados.

Serán subvencionables as situacións de redución de xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, das persoas beneficiarias.

Características da axuda

A acción subvencionable céntrase en apoiar a redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres (3) anos ou menor de doce (12) anos no suposto de que teña recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

Inclúese tamén a modalidade de redución de xornada por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave que non reciba a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Non será subvencionable a redución de xornada que se acolla ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego publico de Galicia.

A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, en calquera das súas modalidades. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres (3) anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou doce (12) anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de doce (12) anos.

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos.

Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos cales se cumpran os requisitos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.

Para a determinación do importe da axuda establécese un método de custos simplificados, utilizando o método custo unitario, neste caso baseado no dato do custo salarial total por cada persoa traballadora, como media dos catro trimestres do ano 2023, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) (custo laboral segundo compoñentes do custo por unidade de medida. Base 2008), cun importe de 1.952,52 €/mes, e ao abeiro do artigo 53.1.b) do Regulamento UE 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos e custos unitarios:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700,00 euros (custo unitario nº 1).

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000,00 euros (custo unitario nº 2).

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300,00 euros (custo unitario nº 3).

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800,00 euros (custo unitario nº 4).

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 5).

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 6).

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 7).

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 8).

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700,00 euros (custo unitario nº 9).

Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de doce (12) anos, nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos/as cales se solicita a redución de xornada.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a oito (8) meses ou cando a xornada se realice a tempo parcial. Para o cálculo da contía da axuda, computaranse meses de treinta (30) días.

Para a asignación do tramo de contía da axuda, de acordo coas súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade, no caso de fillas ou fillos menores de doce (12) anos con discapacidade dunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, estes computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Nesta mesma liña, e tendo en conta tamén os seus menores ingresos, no caso de familias monoparentais contabilizarase cada fillo/a que conviva coa persoa titular da familia monoparental aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

No caso de que no período subvencionable existan distintas porcentaxes de redución de xornada que comporten tramos diferentes no cálculo de axuda, tomaranse de forma prioritaria os períodos que representan unha contía de subvención máis alta, tomando como límite máximo o importe do custo unitario que resulte máis beneficioso.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres (3) anos, ou menor de doce (12) anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 % que reunan os requisitos establecidos na Orde.


Publicación Boletín

Ficha sede electrónica

Válido desde: 
Jueves, 8 Agosto, 2024
Válido hasta: 
Lunes, 9 Septiembre, 2024