Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social: fomento do acceso á condición de persoa socia - 2025

- 05/02/2025
- 16/09/2025
-
Etapa
TR802J - Subvencións para o fomento do emprendemento en economía social: fomento do acceso á condición de persoa socia - 2025
Data de publicación: 5/02/2025
Data inicio de solicitude: 17/02/2025
Data remate de solicitude: 16/09/2025
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais, fomentando do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.
Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.
Características da axuda
As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:
a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alíneas a), b) c) e d), e no artigo 30.2, ata 6.000,00 €.
b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 30.1, alínea e), ata 3.000,00 €.
As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:
a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas na Orde.
d) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
e) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural.
h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
i) Un 25 % se se trata de unha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.
Para a aplicación dos citados incrementos teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.
Cando a dedicación da persoa incorporada sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo nos termos previstos, a contía máxima dos incentivos previstos nos puntos anteriores reducirase ao 50 %.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que, no momento da súa incorporación, cumpran algunha das condicións seguintes:
a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.
A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido na Orde. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.
No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.
Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.