A Xunta destaca o impacto da 7ª edición dos bonos Activa Comercio con preto de 500.000 euros mobilizados en menos de dúas horas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou en Ourense o comercio especializado en xogos de mesa Júpiter Ourense con motivo do lanzamento da 7ª edición do bono Activa Comercio. Nesta primeira convocatoria do ano 2025, a Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector. Segundo salientou o conselleiro, xa hai máis de 6.000 negocios adheridos en toda Galicia nestes momentos e en menos de dúas horas desde a súa activación descargáronse 60.000 bonos e mobilizáronse preto de 500.000 euros, o que evidencia o elevado impacto da iniciativa.
Desde ás 09 horas do 4 de xuño as persoas consumidoras usuarias poden descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos, exceptuando tarxetas regalo, vales ou similares. Como novidade este ano, a adhesión dos establecementos á campaña —cuxo prazo comezou o pasado 20 de maio— realizarase unha única vez para todas as edicións do ano, continuando así a folla de ruta marcada polo Executivo galego co compromiso da simplificación administrativa e cun modelo de xestión máis áxil.
Durante a visita, José Gonzalez explicou que o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante o ano 2025 a esta campaña, contribuíndo a fortalecer tanto a economía de proximidade como a competitividade do sector. Por outra banda, resaltou o rotundo éxito das pasadas edicións, coa mobilización desde o ano 2021 de preto de 100 millóns de euros no comercio retallista galego, destacando que só no 2024 se destinaron 7,5 millóns de euros en descontos, que impulsaron 600.000 transaccións comerciais nas catro provincias e xeraron un volume de vendas de arredor de 34 millóns de euros.
As persoas consumidoras interesadas que descarguen o bono desconto de 30 euros, poderano empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos ata o esgotamento do crédito da campaña. Os bonos están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, favorecendo así a dinamización comercial.
Teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono sen que haxa límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, aínda que non se teñan consumidos na súa totalidade.
Durante a súa visita, o conselleiro de Emprego puxo en valor a gran relevancia do comercio de proximidade na xeración de emprego, na dinamización das economías locais e como fonte de vida dos barrios e vilas, destacando que para a Xunta é absolutamente prioritario o apoio a este sector, que xera na Comunidade 107.000 postos de traballo.
Medidas consolidadas como os bonos Activa Comercio, súmanse ás máis de 70 actuacións a prol do comercio local recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, —dotado con máis de 320 millóns de euros— no que tamén se incluen accións pioneiras de comercio de atracción como a aposta pola recuperación de contornas comercias urbanas a través do piloto do proxecto Vilas Vivas ou a promoción de sinerxías entre as prazas de abastos e os restaurantes das súas contornas.