Axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia (Ticket Innova) - 2026

- 16/01/2026
- 30/09/2026
-
Etapa
IG408K - Axudas para a mellora da capacidade da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas en Galicia (Ticket Innova) - 2026
Data de publicación: 16/01/2026
Data inicio de solicitude: 26/01/2026
Data remate de solicitude: 30/09/2026
Obxecto
Esta Resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas a incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación polas pequenas e medianas empresas (pemes), en especial, polas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
A finalidade destas axudas é fomentar a implementación da innovación nas pemes galegas e a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas, como valor engadido e como instrumento para o incremento da súa produtividade, crecemento e diferenciación no mercado.
Características da axuda
As axudas destinaranse a financiar a contratación polas pemes de servizos especializados de apoio á innovación, que inclúan os servizos relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado, realizados a través de empresas de consultoría especializadas na prestación de servizos de innovación, centros tecnolóxicos galegos, hubs de innovación dixital, etc.
Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos especializados en materia de innovación e desenvolvemento tecnolóxico (empresas especializadas en innovación e centros tecnolóxicos) efectuados desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data da solicitude de axuda.
O importe mínimo de gasto subvencionable deberá acadar os 5.000 euros.
Existen 6 modalidades de tíckets Innova:
a) Estratexia e xestión da innovación.
- Estudos de viabilidade tecnolóxica e industria.
- Estudos de vixilancia tecnolóxica e estado da técnica.
- Auditoría/consultoría en produto/servizo.
- Estudos de mercado, ensaios, testaxe e validación experimental de novos prototipos de novos produtos e/ou servizos, procesos piloto, novos métodos ou materiais.
- Obtención de certificacións de normas oficiais vinculadas á actividade innovadora.
- Asesoramento para a identificación, monitorización e acompañamento de licitacións de CPI (compra pública de innovación).
- Actividades de deseño industrial, enxeñería e posta a punto de novos sistemas de produción vinculados a novos produtos, procesos ou servizos diferenciadores.
b) Deseño para a innovación.
- Conceptualización e deseño de novos produtos e servizos diferenciais.
- Deseño de marca e identidade corporativa.
c) Xestión da protección do coñecemento da innovación.
- Asesoramento na xestión da protección do coñecemento da innovación industrial patentes, marcas comerciais e deseños industriais, etc.
d) Certificacións para as deducións fiscais en I+D+i.
e) Preparación de propostas a programas e axudas europeos.
f) Deseño de novos procesos ou servizos baseados en tecnoloxías dixitais emerxentes.
- Realidade aumentada, impresión 3D, automatización avanzada e robótica, así como a internet das cousas ou sistemas intelixentes embebidos.
- Sistemas de intelixencia artificial (intelixencia de negocio, big data e similares).
- Ciberseguridade.
g) Diagnósticos de madurez do dato.
Concederase unha axuda do 80 %, ata un máximo inferior a 30.000 euros, para os gastos realizados pola empresa beneficiaria durante o período subvencionable.
Gasto subvencionable:
De 5.000 euros ata un máximo inferior a 37.500 euros
Subvención:
De 4.000 ata un máximo inferior a 30.000 euros
Intensidade da axuda:
80 %
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia.
Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.