Subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas - 2026


  • 20/01/2026
  • 15/09/2026

IN417Y - Subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas - 2026

Data de publicación: 20/01/2026

Data inicio de solicitude: 30/01/2026

Data remate de solicitude: 15/09/2026

Obxecto

Esta Resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a realización de proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos.

Características da axuda

Serán subvencionables aqueles proxectos con rateos de aforro enerxético anual iguais ou superiores aos indicados na seguinte táboa para cada liña:

Proxectos subvencionables Denominación da liña
Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,18 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible Papeme-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes
Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,18 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible PAGE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas
Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético iguais ou superiores a 0,10 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de investimento elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30 %
PAP-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas PAP-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

 

Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética (no caso de actuacións de mellora de edificios, substituirase a auditoría enerxética polo certificado de eficiencia enerxética), cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

Serán subvencionables instalacións novas en que o aforro enerxético deberá xustificarse en relación coas instalacións de referencia que correspondan á práctica comercial normal no sector ou na actividade de que se trate.

Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita a axuda. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que inclúan en detalle a actuación subvencionada salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente.

Serán custos subvencionables os custos totais do investimento de aforro e eficiencia enerxética.

Considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como os sistemas de monitorización, contabilización e telexestión e as auditorías nos termos indicados.

O investimento mínimo elixible para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 15.000 euros por actuación, o IVE non está incluído. No caso de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, o investimento para que a actuación sexa subvencionable ten que ser superior aos 200.000 euros, IVE non incluído.

A intensidade da axuda en función do regulamento de aplicación será a seguinte:

a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831, de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura):

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

b) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios:

A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

c) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios:

A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Establécese unha axuda máxima por expediente de 300.000 euros no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 2023/2831, de minimis, e de 1.000.000 euros no caso de acollerse ao Regulamento (UE) 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías).

A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 2.000.000 de euros.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas e persoas traballadoras autónomas, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. Aos efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación establecido.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Martes, 20 Enero, 2026
Válido hasta: 
Martes, 15 Septiembre, 2026