Subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia - 2026

- 15/05/2026
- 15/07/2026
-
Etapa
TR358E - Subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia - 2026
Data de publicación: 15/05/2026
Data inicio de solicitude: 16/05/2026
Data remate de solicitude: 15/07/2026
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións a persoas físicas e xurídicas para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de alugamento ou cesión de uso.
As axudas estarán destinadas, para a rehabilitación de vivendas das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, a:
a) empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que destinen esa vivenda a vivenda habitual de persoas traballadoras coas cales teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.
b) persoas físicas ou xurídicas que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.
Características da axuda
Considérase actuación subvencionable a rehabilitación das vivendas situadas en concellos con menos de 20.000 habitantes.
Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data da publicación na convocatoria.
Consideraranse actuacións subvencionables as obras de rehabilitación, terminación e/ou ampliación de vivendas, entendéndose incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas.
Para os efectos de determinar o custo total das obras poderán incluírse as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
A actuación subvencionable incluirá, así mesmo, e se así o solicita a persoa beneficiaria, a contratación dun seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación.
A actuación de rehabilitación das vivendas axustarase á normativa técnica e urbanística en vigor e debe cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.
O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os dezaoito meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación das actuacións.
Non serán subvencionables as actuacións iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026.
Para o caso de que a vivenda que será obxecto da rehabilitación subvencionable sexa unha vivenda unifamiliar, a contía das axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada, agás no caso de que o solicitante da axuda sexa un concello, caso en que a contía poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 75.000 euros por vivenda rehabilitada.
Para caso de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario, a contía das axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble poida superar os 300.000 euros.
O límite máximo por vivenda rehabilitada incrementarase en 1.000 € no caso de que a vivenda unifamiliar ou o edificio residencial colectivo que se vai rehabilitar estean situados nun área Rexurbe creadas conforme a Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
As persoas interesadas poderán solicitar, a maiores da axuda para a rehabilitación da vivenda, a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso sobre a vivenda obxecto da actuación, non podendo superar en ningún caso o importe máximo anual de 600 euros, polo tempo de duración do contrato de alugamento ou cesión de uso da vivenda, ata un máximo de 5 anos.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar as subvencións:
a) As empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, e que vaian ser destinadas á vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.
b) Persoas físicas ou xurídicas que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.