A Xunta activa un programa financeiro que mobilizará 55M€ en préstamos para Pemes, autónomos e emprendedores

  • A iniciativa, cuxa convocatoria tense xa publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), céntrase en favorecer, a través do Igape, o acceso ao crédito bancario das compañías de menos de 50 traballadores
  • O programa bonifica xuros e comisións de préstamos de máis de 25.000 euros para pequenas empresas, mentres que as microempresas accederán tamén a unha axuda do 15% sobre o tramo do crédito bonificado, de ata 25.000€, destinado a activos fixos
  • Os apoios serán de maior intensidade para iniciativas impulsadas por persoas autónomas, emprendedores ou pequenas empresas do sector industrial
  • O programa pode beneficiar a todas as operacións de financiamento formalizadas desde o pasado 1 de xaneiro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar o programa de apoio financeiro que facilitará, a través do Igape, a mobilización de 55 millóns de euros en préstamos bancarios para financiar arredor de 600 proxectos de autónomos, emprendedores, microempresas e pequenas empresas. O obxectivo é facilitarlles ás compañías o acceso ao crédito bancario para investimentos ou circulante asociado. 

Coas bases do programa financeiro que publica o DOG, coordinado polo Igape no marco do Galicia 1000, a Xunta busca dar unha resposta coordinada ás necesidades financeiras reais das persoas autónomas, dos emprendedores e das pequenas empresas para que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de apoio económico. Este ano, como novidade, ponse o foco nas pequenas empresas de menos de 50 traballadores que, xunto coas microempresas e os autónomos, adoitan ter maiores dificultades para acceder ao financiamento bancario. 

Con respecto á liña que regula os apoios para as pequenas empresas con menos de 50 traballadores, dotada con máis de 2,1 millóns, facilitará a bonificación de xuros e custos financeiros de préstamos de máis de 25.000 euros. A bonificación será de 1,5 puntos con carácter xeral e elevarase ata o 2% nos proxectos impulsados por autónomos, emprendedores ou pequenas empresas do sector industrial.

A liña para as persoas autónomas, os emprendedores e as microempresas con menos de 10 empregados conta cun orzamento de 500.000 euros, para bonificar xuros e comisións de préstamos de menos de 25.000 euros, concedendo igualmente máis intensidade de bonificación para os proxectos industriais e os promovidos por autónomos e emprendedores. Neste caso, os beneficiarios accederán ademais a unha axuda directa do 15% sobre o tramo do crédito destinado a financiar activos fixos.

O prazo para a presentación de solicitudes está aberto desde o día 28 de xullo e ata o 31 de outubro próximo, aínda que poden acollerse a este programa todas as operacións formalizadas desde o pasado 1 de xaneiro. A Xunta aprobou o pasado ano a través deste programa de axudas 343 proxectos que mobilizaron préstamos por case 34 millóns de euros para empresas que suman arredor de 1.800 persoas traballadoras.

Co programa Galicia 1000, no que se enmarcan esta convocatoria publicada no DOG, a Xunta prevé este ano apoiar a máis de 3.000 empresas e mobilizar 426 millóns de euros en investimentos, logo de achegar financiamento a máis de 5.000 compañías nas tres primeiras edicións. Esta iniciativa apoia con especial atención os proxectos mediante préstamos directos, participativos ou bonificados, xa que os investimentos son fundamentais para consolidar o crecemento e a xeración de emprego. Na convocatoria deste ano ponse o foco na creación de novas empresas por parte de emprendedores e no crecemento das pemes no ámbito da Industria 4.0.