Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego - 2021
- 21/10/2021
- 22/11/2021
-
Etapa
PR937A - Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego - 2021
Data de publicación: 21/10/2021
Data inicio de solicitude: 22/10/2021
Data remate de solicitude: 22/11/2021
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto publicar as bases e convocar o acceso ás dúas liñas de subvencións dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma galega:
- Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora: teñen por finalidade fomentar o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
- Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego: destinadas a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.
Características da axuda
Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora:
Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e da súa descendencia que se establezan na Comunidade autónoma galega, establécese unha contía da subvención de 5.000 euros.
O importe da subvención incrementarase no caso de concorreren as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:
a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural: 2.000 euros.
O importe máximo da subvención concedida será de 8.000 euros.
Liña 2 subvención COVID-19 para mantemento do autoemprego:
As subvencións destinadas a esta liña COVID-19 terán un importe de 3.000 euros.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Requisitos específicos:
Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora:
Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019, incluído, e que a persoa solicitante non fose beneficiaria desta subvención en convocatorias anteriores.
Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego:
Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:
1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018.
2) Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019, incluído, e que a persoa solicitante fose beneficiaria desta subvención en convocatorias anteriores.