A Xunta convoca axudas por valor de máis de 20 M€ para incentivar altas no emprego autónomo e favorecer a competitividade de negocios xa en marcha

A Xunta convoca a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas ordes coas que pretende impulsar e favorecer á competitividade das persoas traballadoras autónomas na comunidade. Así, actívase unha primeira liña de axudas de promoción do emprego autónomo que suporá apoios de ata 10.000 euros para altas neste réxime. A outra das iniciativas pretende, a través do Bono Autónomo, consolidar ata 3.200 negocios con traxectoria de persoas traballadoras por conta propia, con axudas que poden chegar aos 3.000 euros. Ambas as dúas convocatorias suporán un investimento global de 20,5 millóns de euros co que o Goberno galego quere seguir a favorecer este sector, que conta con máis de 218.000 persoas afiliadas na comunidade.

Apoios para inicio de actividade

Por unha banda, co obxectivo de facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, invístense 12,5 millóns de euros, un 7% máis que no ano 2021. Este programa de promoción do emprego autónomo, que a Xunta financiará principalmente cos fondos europeos de recuperación e resiliencia que lle corresponden, aspira a chegar a 5.500 persoas beneficiarias.

Esta liña de financiamento establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade das persoas autónomas, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, as persoas paradas de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As cantidades poden incrementarse nun 25% no caso do que as beneficiarias sexan mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada nun concello rural, entre outros supostos. Así, as axudas máximas poden alcanzar os 10.000 euros.

Poden optar a estas axudas as persoas dadas de alta no RETA, noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022. É preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e que se desenvolva en Galicia, entre outros requisitos. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2022.


Máis información


Bono Autónomo

A Xunta reforza tamén neste 2022 o Bono Autónomo cun 45,5% máis de orzamento que na convocatoria de 2021, polo que investirá 8 millóns de euros para apoiar con ata 3.000 euros a consolidación dos negocios dunhas 3.200 persoas traballadoras por conta propia. Arranca a sexta edición deste programa co que o Goberno galego apoia servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional das persoas autónomas que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses.

O programa incorpora dúas liñas de axudas. Unha primeira, para dar apoio ao desenvolvemento de plans estratéxicos, de márketing, comunicación de negocio, proxectos de eficiencia enerxética ou de transformación dixital, entre outros. E a segunda, que ofrecerá financiamento para a compra de maquinaria ou ferramentas, reformas para mellorar a eficiencia enerxética ou o local, adquisición de material de oficina ou equipamento informático, deseño de páxinas web, etc.

O prazo de solicitude abrirase durante un mes a contar desde o próximo 14 de xaneiro.


Máis información


Con estas dúas ordes publicadas no DOG o Goberno galego da continuidade ao seu compromiso coas persoas traballadoras por conta propia, un dos colectivos prioritarios aos que o Goberno galego destinará en 2022 máis de 34M€ co fin de seguir apoiando o inicio da súa actividade, a consolidación dos seus negocios e a conciliación. A este investimento sumaranse 12 millóns para poñer en marcha os polos de emprendemento no rural cos que se pretende contribuír á xeración de novo emprego no medio rural a través de fórmulas de economía social e microemprendemento autónomo.