Nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital para impulsar a internacionalización de Pemes e persoas autónomas

O Diario Oficial de Galicia recolle a publicación dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Dixital, que abrirá mañá o prazo de presentación de solicitudes na procura de facilitar e promover a internacionalización do tecido produtivo galego. Para isto, a nova edición conta cun orzamento da Xunta de Galicia de 4,4M€ co obxectivo de apoiar a expansión internacional de empresas —especialmente pemes— e persoas autónomas, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas son de concorrencia non competitiva e cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital.

Pódese presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 18.000 e 100.000 euros. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca, o gasto subvencionable mínimo pode ser igual ou superior a 14.000€, cun máximo de 37.500€ no caso de empresas do sector da pesca e de 25.000€ para as de produción agraria.

Os apoios da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación permitirán ás persoas beneficiarias acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online. Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.


Máis información