O Goberno de España lanza a primeira convocatoria de axudas do programa Kit Digital

O Boletín Oficial do Estado publicou a Resolución de Red.es -entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial- pola que se convocan as primeiras axudas destinadas á dixitalización de empresas de entre 10 e 49 persoas empregadas. Esta primeira liña de axudas conta cun orzamento de 500 millóns de euros e ten por finalidade mellorar a competitividade e o nivel de madurez dixital das pequenas empresas.

A contía da axuda ou bono dixital será de 12.000€ e con el as pemes poderán adquirir as solucións de dixitalización para áreas crave como:

  • sitio web e presenza na internet,
  • xestión de redes sociais,
  • comercio electrónico,
  • a xestión de clientes,
  • servizos e ferramentas de oficina virtual,
  • intelixencia empresarial e analítica,
  • xestión de procesos,
  • factura electrónica,
  • comunicacións seguras e
  • ciberseguridade

A partir do 15 de marzo as empresas interesadas poderán solicitar estas axudas na sede electrónica de Red.es e o prazo estará aberto durante 6 meses ou ata que se acaben os fondos.

Na convocatoria detállanse os requisitos para solicitar as axudas, as obrigas que contraen os beneficiarios, os importes máximos de axuda por categoría de solucións de dixitalización, xustificación, pago e control, entre outras materias importantes. Co fin de facilitar ao máximo o acceso ás axudas, habilitouse a figura do “representante voluntario”, é dicir, que calquera terceiro sexa persoa física ou xurídica, debidamente autorizado, pode solicitar a axuda por conta da peme.

As axudas concederanse de forma directa, baixo o único criterio de orde de presentación de solicitudes e en disposición de crédito suficiente, unha vez realizadas as comprobacións do cumprimento dos requisitos esixidos.


Máis información