A Xunta activa axudas por 1,5 M€ para impulsar a economía circular no sector comercial e artesán
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou hoxe a nova convocatoria de axudas por 1,5 millóns de euros coa que a Xunta de Galicia impulsa a economía circular no sector comercial e artesán galego.
Heredia, sinalou que a iniciativa que se publica no Diario Oficial de Galicia permanecerá aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 9 de outubro.
Os apoios, destinados á adquisición de solucións sustentables de envasado e empaquetado realizadas con materiais cen por cen naturalmente biodegradables ou ecolóxicos, poden chegar aos 4.200 euros no caso dos comerciantes retallistas e obradoiros artesáns, en función do número de persoas traballadoras.
No caso das asociacións de comerciantes, as axudas serán o 90 % do investimento subvencionable e poden alcanzar os 11.970 euros dependendo do número de comercios asociados. As axudas concederanse mediante concorrencia non competitiva.
O impulso ao comercio de proximidade é un dos eixos da actuación da Consellería de Economía, Industria e Innovación, promovendo a transformación dixital e sustentable dun sector clave para a creación de riqueza e emprego en Galicia.