Subvencións do programa de comercio circular - 2023


  • 08/09/2023
  • 09/10/2023

CO300D - Subvencións do programa de comercio circular - 2023

Data de publicación: 08/09/2023

Data de inicio solicitude: 09/09/2023

Data de remate solicitude: 09/10/2023

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para a execución de actuacións de comercio sustentable e circular.

Características da axuda

Considerarase subvencionable a adquisición de solucións sustentables de envasado e empaquetado realizadas con materiais cen por cento naturalmente biodegradables ou ecolóxicos. Poderase acreditar a sustentabilidade dos materiais utilizados mediante certificación, norma ISO ou equivalente que garanta que os produtos foron elaborados con prácticas sustentables e responsables.

En concreto, consideraranse subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

– Caixas e sobres de cartón ou papel reciclado.

– Recheos, proteccións acolchadas e escumas para a embalaxe.

– Cordas ou cintas de rafia, algodón ou outros materiais naturais.

– Film de material biodegradable.

– Etiquetas.

– Pegamento e cinta adhesiva.

– Bolsas comerciais de fibras naturais ou material reciclado.

b) Asociacións de comerciantes:

– Bolsas comerciais de fibras naturais ou material reciclado.

Establécense os seguintes investimentos máximos subvencionables:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Persoas beneficiarias Investimento máx. subvencionable
Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras 3.000,00€
Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras 4.500,00€
Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras 6.000,00€

b) Asociacións de comerciantes:

Número de comercios asociados Investimento máx. subvencionable
50-69 7.700,00€
70-99 10.000,00€
>=100 13.300,00€

O investimento mínimo que cómpre realizar para que o proxecto se considere subvencionable ascende a 1.000,00 €.

E as porcentaxes da subvención sobre os investimentos máximos subvencionables son os seguintes:

a) Comerciantes retallistas e obradoiros artesáns:

Persoas beneficiarias Porcentaxe da subvención
Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras 80%
Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras 75%
Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras 70%

b) Asociacións de comerciantes: 90 %.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións:

1. Comerciantes retallistas:

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que teñan a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, incluídas as persoas en situación de autoemprego.

c) Que estean dadas de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II da convocatoria e que esta constitúa a actividade principal.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

3. Asociacións de comerciantes:

Que teñan a condición de centro comercial aberto ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola Xunta Directiva nos dous últimos exercicios previos.

Válido dende: 
venres, 8 Setembro, 2023
Válido ate: 
luns, 9 Outubro, 2023