Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas - 2024
- 18/07/2024
- 30/09/2024
-
Etapa
TR349W - Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas
Data de publicación: 18/07/2024
Data inicio de solicitude: 19/07/2024
Data remate de solicitude: 30/09/2024
Obxecto
Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as subvencións para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.
A efectos desta subvención deben entenderse como as ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación, tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2019-2023 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-11) aprobada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, os grupos ocupacionais que en 2023 reflictiron unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.
Características da axuda
Serán persoas destinatarias finais destas axudas as mulleres que sexan contratadas en ocupacións masculinizadas e que cumpran o requisito de estar desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de mulleres que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
Establécense dúas liñas de axudas:
A. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.
Serán subvencionables ao abeiro desta liña:
As contratacións por conta allea de mulleres en ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación.
A dita ocupación e a súa codificación deberá constar no contrato de traballo.
1. Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida, ben con xornada a tempo completo, ben a tempo parcial. No caso de contratacións a tempo parcial, a xornada será como mínimo do 50 %. Inclúense os contratos de traballo indefinidos para a prestación de servizos fixos descontinuos, que deberán ser a tempo completo e cunha duración mínima de 6 meses.
2. O período durante o que se teñen que producir os contratos para que sexan subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.
3. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles da recepción da notificación de concesión da axuda, e en todo caso o 20 de outubro de 2024.
4. O número máximo de contratos que se van a subvencionar por persoa ou entidade beneficiaria establécese en 7.
Os incentivos desta liña serán os seguintes:
a) As contratacións indefinidas iniciais a tempo completo de mulleres desempregadas incentivaranse cunha contía base de 15.000 €. No caso de redución de xornada por calquera causa, a contía reducirase en proporción á xornada realizada.
b) As contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial (mínimo 50 %) e as contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6 meses) incentivaranse cunha contía base de 7.500 €.
As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
II. Se a muller contratada é unha persoa con discapacidade.
III. Se a muller contratada é maior de 45 anos.
IV. Se a muller contratada é emigrante retornada ou estranxeira.
V. Se a muller contratada é persoa trans.
A contía máxima posible que se vai subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 €.
B. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.
1. Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, coa finalidade de eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres na empresa (aseos, vestiarios, espazos para menores, etc.).
2. O período durante o que se teñen que producir obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.
O incentivo desta liña será o seguinte:
Gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo.
O importe máximo da axuda será de 10.000 €.
Os gastos de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo deberán estar realizados e pagados a data 20 de outubro de 2024.
Persoas beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen.