A Xunta destina 3 M€ a investimentos en equipamento empresarial que promovan a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas
A Xunta destina 3 M€ a investimentos en equipamento empresarial que promovan a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas. O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria deste programa de investimento en equipamento empresarial que procura promover iniciativas que melloren a innovación e a competitividade das empresas galegas.
O obxectivo é potenciar o mantemento e a creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresariais a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas.
Neste marco, entre as principais novidades destaca o feito de que poden optar a esta liña empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e para reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100 % da axuda, estando tamén prevista a exención de garantías.
Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os seus custos de investimento recentes neste mesmo exercicio 2024.
Neste sentido, admitiranse gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro de 2024 e ata o vindeiro 10 de decembro, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro.
Os conceptos de investimento subvencionable inclúen tanto a compra de maquinaria ou bens de equipamento como os programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das empresas, facilitando a mellora da súa competitividade.