A Xunta facilitará e impulsará o labor dos autónomos coa simplificación nunha única convocatoria das axudas específicas para este sector
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reafirmou hoxe na Coruña a aposta do Goberno galego por facilitar o labor das persoas traballadoras autónomas con medidas como a simplificación administrativa dos apoios específicos destinados a este colectivo coa finalidade de que poidan realizar os trámites necesarios con maior axilidade. Nesta liña, sinalou que no 2025 a Xunta unificará nunha orde estas achegas.
Deste xeito, Galicia reforza o seu compromiso co emprego autónomo para manter todos os apoios dispoñibles, tanto de consolidación e crecemento, como de conciliación, contratación ou nova oportunidade, así como do resto de axudas ao emprendemento para o sector. Segundo expuxo José González, para o 2025 esta liña estará dotada con 40 millóns de euros, un investimento que se complementará cos que se mobilicen para emprendemento ata superar os 60 millóns de euros.
Así o subliñou durante a clausura do programa Mentoring Traballo Autónomo, promovido pola Xunta en colaboración coa Fundación Ronsel e onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
Alí tamén puxo en valor o papel deste colectivo na economía galega e sinalou que as achegas a este sector se suman ao resto das promovidas por Galicia nas políticas activas de emprego, situándose no que vai de ano como a primeira Comunidade Autónoma co maior número de convocatorias publicadas e a terceira en volume de investimento.
Outro apoio de futuro ao que fixo referencia é a Estratexia Mocidade Activa que a Xunta elaborará en 2025 e dotada con 20 millóns de euros para incentivar a contratación de xente nova e a formación para mellorar a súa empregabilidade. Tamén salientou a posta en marcha da Academia de formación para persoas autónomas, unha das medidas contempladas na Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027 e orientada a ofrecer unha formación en liña para este sector.
A maiores, o conselleiro lembrou que ás achegas ao inicio e consolidación da actividade se suman as medidas para favorecer a creación de negocios, entre elas a Rede de polos de emprendemento ou o Centro de Orientación ao Emprendemento, que coordinará todas as actividades relacionadas coa orientación laboral, co emprendemento e coa innovación para o emprego na Comunidade.
Trátase de medidas, subliñou, que a Xunta leva a cabo da man do diálogo social e da escoita activa cos principais axentes socioeconómicos, no caso das persoas autónomas a través da Mesa do Emprego Autónomo, para que sexan acordes á realidade deste sector.
Por último, en relación co programa Mentoring Traballo Autónomo, José González salientou a súa vocación de acompañamento integral, de feito a través del este ano apoiáronse a 211 persoas traballadoras por conta propia -delas 158 mulleres- para consolidar a súa actividade, adaptar os seus negocios ás necesidades de mercado e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.
Ademais, agradeceu o labor da Fundación Ronsel a prol da mellora da empregabilidade das persoas e do impulso á competitividade do tecido produtivo, así como pola motivación que inculcan ás persoas participantes no programa.