Axudas do Programa Emega - 2025


  • 14/07/2025
  • 14/08/2025

SI429A - Axudas do Programa Emega - 2025

Data de publicación: 14/07/2025

Data inicio de solicitude: 15/07/2025

Data remate de solicitude: 14/08/2025

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia.

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Este programa presta un especial apoio ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55, a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados, así como ás que teñen especiais dificultades de inserción laboral.

Características da axuda

O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:

a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Emerxe as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprila, como mínimo, o 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que careza de ocupación durante un período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, a correspondente alta na Seguridade Social deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

 A contía dos incentivos da modalidade Emega Emerxe determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 10.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Impulsa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que, en total, non superen os tres meses e tamén no caso de empresas de tipo societario que non teñen este período mínimo de actividade cando as súas promotoras desenvolveran actividade por conta propia como mínimo nos tres anos inmediatamente anteriores á súa constitución.

b) Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán recollerse no plan de negocio empresarial e deberán consistir nalgunha das seguintes medidas:

– Cambio de localización da actividade.

– Acondicionamento ou renovación das instalacións.

– Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas.

– Compra de maquinaria e/ou ferramentas.

– Implantación de novas tecnoloxías para a comercialización dos produtos ou servizos.

c) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

d) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación ou mellora, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse no prazo comprendido desde o 30 de setembro de 2024 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

A contía dos incentivos da modalidade Emega Impulsa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa, ocupados por mulleres, como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 8.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 14.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 17.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

Poderán acollerse aos incentivos da modalidade Emega Innova as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberán formalizarse no prazo comprendido desde o 30 de setembro de 2024 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas, cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria en calquera das áreas de coñecemento en que se basea a iniciativa empresarial. g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

A contía dos incentivos da modalidade Emega Innova determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 27.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 32.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 42.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

A Emega Concilia é unha axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras como das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova previstas nesta convocatoria.

A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s que na data de finalización do prazo de xustificación da axuda sexan menores de tres anos.

A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:

a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para todo o cadro de persoal da empresa, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, ou ter un plan de igualdade vixente, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea e que non estean xa recollidas como obrigatorias na lexislación vixente. Neste suposto o incentivo será de 4.000 euros por empresa.

O acordo ou pacto de conciliación deberá recoller, polo menos, cinco dalgunha das medidas que se relacionan a continuación:

– Horario flexible de entrada e/ou saída nunha marxe de, como mínimo, 30 minutos.

– Xornada intensiva os venres e/ou en determinadas datas (Nadal, Semana Santa etc.).

– Xornada intensiva nos meses de verán.

– Bolsa de horas ou posibilidade de concentrar máis número de horas nun determinado día ou período concreto e así acumular horas de libre disposición.

– Posibilidade de elixir ou cambiar quendas.

– Posibilidade de reducir o tempo de comida e adiantar a hora de saída.

– Vacacións flexibles.

– Ampliación dos permisos por nacemento e adopción, lactación e paternidade por riba dos previstos na lexislación.

– Permisos retribuídos por coidados (acompañamento a consultas médicas ou enfermidade de fillos/as ou persoas dependentes).

b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral. O incentivo neste caso será de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea cun máximo de 5.000 euros por empresa.

Para os efectos desta orde, considerarase teletraballo aquel que se preste no domicilio da persoa traballadora ou no lugar elixido por esta como mínimo o 30 % da xornada nun período de referencia de tres meses.

O acordo individual de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións en que se desenvolverá a prestación laboral e axustarase ao establecido no artigo 7 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.

Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data da fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes.


Publicación DOG

Ficha informativa sede electrónica

Válido desde: 
Lunes, 14 Julio, 2025
Válido hasta: 
Jueves, 14 Agosto, 2025