Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2026


  • 04/02/2026
  • 30/09/2026

TR353D - Bono remuda para o fomento da remuda xeracional de negocios - 2026

Data de publicación: 04/02/2026

Data inicio de solicitude: 11/02/2026

Data remate de solicitude: 30/09/2026

Obxecto

Esta Orde ten por obxecto publicar as bases e convocar as axudas para evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller o testemuño dun negocio xa viable economicamente.

Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse do requisito de inscrición na bolsa de remuda os negocios que foron obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio. Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou a morte.

Características da axuda

Este programa desagrégase en dúas liñas de axudas:

Liña 1: bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Liña 2: bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 10.000 ou máis habitantes.

O bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda, dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que previamente estivese inscrito na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Exceptúanse deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A porcentaxe do prezo do contrato que se subvencionará varía segundo a liña de axuda:

- Na liña 1: bono remuda rural subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.

- Na liña 2: bono remuda xeral subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.

No caso de que a persoa beneficiaria da axuda acceda á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe que se percibirá será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. O importe mensual do alugueiro deberá figurar no contrato de remuda.

A intensidade da axuda que corresponda en cada caso e en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total, cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si, e só aplicable no caso das persoas físicas:

- Que a persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.

- Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.

- Que a persoa que adquire o negocio teña 52 anos feitos na data da solicitude.

- Que a persoa que adquire o negocio sexa desempregada de longa duración.

- Que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores.

Igualmente, no caso da liña 1, bono remuda rural, a intensidade da axuda que corresponda pode incrementarse un 10 % máis, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

- Que a persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.

- Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.

- Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.

- Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade en que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros, excepto nos casos en que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o seu desenvolvemento, segundo o disposto, caso en que a contía máxima subvencionable por remuda será de 10.000 euros.

Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.

Pola súa banda, as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio percibirán un importe de 6.000 euros cando o negocio que transmiten se encadre na liña 1: bono remuda rural, e de 3.000 euros cando o negocio que transmiten se encadre na liña 2: bono remuda xeral.

En todo caso, estes importes quedarán condicionados á contía recoñecida á persoa beneficiaria principal prevista, de maneira que en ningún caso este importe (6.000 € ou 3.000 €), poderá superar a axuda concedida á persoa beneficiaria principal.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas. as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036, sempre que cumpran os requisitos establecidos.

Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas as persoas para a concesión da subvención, debendo cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter unha idade próxima á xubilación (62 anos ou máis).

b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.

c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta e non tiveran transcorrido máis de 12 meses desde o falecemento.


Publicación boletín

Ficha informativa sede

Válido desde: 
Miércoles, 4 Febrero, 2026
Válido hasta: 
Miércoles, 30 Septiembre, 2026