Os establecementos poderán adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta a partir do vindeiro martes 9 de maio
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que os establecementos poderán adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia a partir do vindeiro martes, 9 de maio. Conde, que visitou os establecementos composteláns Alita Cómics, Astora Cómics, Frank Store e Kookai- Naf Naf con motivo do lanzamento desta iniciativa, salientou que é moi importante “seguir mantendo e reforzar o vínculo das familias co comercio de proximidade” e poñer en valor “o servizo e a calidade do pequeno comercio e traballar conxuntamente para consolidar as vendas”.
Tal e como explicou Conde, a terceira edición do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.
O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.