A Xunta convoca os programas InnovaPeme e DeseñaPeme para impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou esta mañá nunha xornada informativa, organizada en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), os programas de axuda InnovaPeme e DeseñaPeme en Ribadeo.
O evento coincide coa apertura do prazo de solicitude destas liñas que perseguen impulsar a innovación e o deseño nas pequenas e medianas empresas galegas e que se manterá aberto ata o vindeiro 14 de agosto.
A directora de Gain enmarcou esta convocatoria na aposta de Galicia por achegar a innovación a todo o tecido produtivo, en especial ás pemes de sectores máis tradicionais. Argerey apuntou que a través destas dúas liñas “pretendemos estender a cultura da innovación, entendida dun xeito sistemático e continuo, ás pemes galegas, así como aumentar o número de empresas innovadoras en Galicia, incrementar a súa competitividade, favorecer a comercialización dos resultados da I+D+i e fomentar a súa colaboración con outros axentes do ecosistema”.
Nesta edición convócanse conxuntamente ambos programas para dar resposta a todas as necesidades das pemes, abranguendo dous tipos de plans: plans de deseño que inciden no deseño de produto, de servizos e experiencias ou de marca e identidade corporativa e plans de innovación centrados en actividades, procesos ou en organización.
O obxectivo desta edición é apoiar 60 plans cunha intensidade da axuda do 50%. Entre as novidades inclúense como beneficiarias as entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro así como as empresas TIC, fináncianse os custos indirectos e incorpórase como requisito realizar actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e servir de exemplo para outras compañías.
O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.
Na xornada tamén se celebrou unha mesa redonda con casos de éxito de empresas da provincia beneficiarias destas liñas de apoio. En concreto, participaron representantes de Granxa Campomayor; Pescados Rubén; e Nigal. Por último, informouse tamén das axudas do Igape dirixidas a pemes.