Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas coas actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización - Deseñapeme e Innovapeme - 2023


  • 12/07/2023
  • 14/08/2023

IN848D -  Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme) - 2023

Data de publicación: 12 de xullo de 2023

Data de inicio solicitude: 13 de xullo de 2023

Data de finalización solicitude: 14 de agosto de 2023

Obxecto

As axudas reguladas por esta Resolución teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, segundo a súa finalidade, e que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia.

Deste xeito, nestas axudas diferéncianse dous tipos de plans:

– Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade (liña 1-Deseñapeme), que comprenden aqueles procesos destinados á resolución de problemas e exploración de oportunidades, pode incluír innovacións non tecnolóxicas ou tecnolóxicas, e ten un alcance ou aplicación nos eidos de creación de novos produtos, deseño de produtos ou redeseño de existentes, deseño de servizos e experiencias a través dos servizos, e a estratexia de marca e posicionamiento desta. Así coma as actividades de apoio e asesoramento en materia de innovación que a complementan.

– Plans de innovación en procesos e organización (liña 2-Innovapeme), constituídos por un conxunto completo e coherente de actividades enfocadas a implementar melloras significativas nas funcións empresariais relacionadas coa produción, prestación e distribución de produtos, bens e servizos, así como nos métodos organizativos e prácticas comerciais empregadas pola empresa, e que permitan incrementar a capacidade innovadora dando lugar a diferenzas substanciais, non exclusivamente tecnolóxicas, coas prácticas anteriores.

Características da axuda

Cada solicitude poderá incluír unha ou ambas as dúas liñas da axuda. Cada liña recollerá actividades diferenciadas que estarán incluídas en plans: de deseño para a innovación e a sustentabilidade (no caso da liña 1), e de innovación en procesos e organización (no caso da liña 2), en diante, plans.

A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada beneficiario determinarase sobre o investimento total que se subvenciona e será conforme os límites de intensidade seguintes:

Liña Orzamento da actuación Subvención  Intensidade
Liña 1: plan de deseño para a innovación e a sustentabilidade De 50.000€ a 150.000€ De 25.000€ ata 75.000€ 50%
Liña 2: plan de innovación en procesos e organización De 50.000€ a 150.000€ De 25.000€ ata 75.000€ 50%

No plan de deseño para a innovación e sustentabilidade (liña 1-Deseñapeme) deberán incluírse un conxunto de actividades e fases que permitan implementar ou incrementar as capacidades de deseño da empresa solicitante, podendo incluír actividades de entre as seguintes:

– Actividades de innovación en deseño, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán os custos externos necesarios para a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.

– Tarefas relativas ao deseño de produto, incluíndo desde a súa concepción, o desenvolvemento de produtos e ata a súa preindustrialización, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. Os proxectos que se presenten nesta liña deberán expoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produto.

– Tarefas relativas ao deseño de servizos e experiencias, novas ou que se perciban como novas, así como o redeseño das existentes para unha mellora substancial, para as cales se incluirán a análise previa, a estratexia, a conceptualización e o desenvolvemento destas.

– Tarefas relativas ao deseño de marca e identidade corporativa, que ten como obxectivo formular unha identidade corporativa das empresas e a súa interrelación cos produtos e servizos e o deseño como parte significativa destas. Incluiranse a análise, estratexia e conceptualización da dita marca, así como o seu deseño e desenvolvemento.

No plan de innovación en procesos e organización (liña 2-Innovapeme) poderanse incluír as seguintes tarefas:

– Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán os custos externos necesarios para a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.

– Tarefas vencelladas á innovación en procesos, mediante aplicación de métodos de produción ou loxística, novos ou mellorados de xeito significativo (que inclúa cambios substanciais en canto ás condicións tecnolóxicas, equipamentos ou implementar novas solucións informáticas).

– Tarefas vencelladas á innovación en materias de organización, mediante a posta en funcionamento de novos métodos organizativos para a comercialización, a organización do centro e actividades do traballo ou as relacións exteriores da empresa.

Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento dos obxectivos de innovación para os que foron concedidos.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos que se subvencionan poderá ser superior ao valor de mercado.

Para a anualidade de 2023, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude da subvención e o 30 de novembro de 2023. Para a anualidade 2024, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda

As entidades do terceiro sector deben ter actividade económica e entrar dentro da categoría económica de peme indicada na Resolución.

As entidades beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA).

Válido dende: 
mércores, 12 Xullo, 2023
Válido ate: 
luns, 14 Agosto, 2023