A Xunta publica os festivos locais dos concellos das catro provincias galegas para o ano 2025

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución que dá publicidade ás festas laborais de carácter local para o ano 2025 en Galicia inhábiles para os efectos laborais, retribuídas e non recuperables. A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello e veñen especificados na resolución.

En canto ás sete grandes cidades, os festivos locais marcados na Coruña son o 4 de marzo -martes de Entroido- e o 24 de xuño -San Xoán-; en Ferrol o 7 de xaneiro -festividade de San Xiao- e 21 de abril -Nosa Señora de Chamorro- e en Santiago de Compostela o 29 de maio -día da Ascensión- e 16 de agosto -día de San Roque.

No caso de Lugo, os festivos elixidos son o 4 de marzo -Martes de Entroido- e o 6 de outubro -San Froilán-; en Ourense tamén o 4 de marzo e o 11 de novembro -San Martiño-. En relación coa cidade de Pontevedra, as datas de festas laborais serán 5 de marzo -Mércores de Cinza- e 11 de xullo -San Bieito-. Pola súa banda, Vigo tamen terá como festivo local o martes 4 de marzo e, a maiores, o 28 de marzo -festa da Reconquista-.

Dos outros 12 festivos restantes, á marxe dos locais, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (18 de abril en 2025), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2025 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 12 de outubro (Festa Nacional de España), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2025 se celebrará o 17 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.


Publicación DOG

Publicación corrección erros