A Xunta pon a dispor do tecido empresarial unha ferramenta innovadora de autodiagnose, unha web e unha guía para abordar a igualdade laboral
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou en Santiago de Compostela o novo paquete de ferramentas tecnolóxicas en materia de igualdade laboral e de oportunidades que se pon ao dispor do tecido empresarial galego desde hoxe na web www.aigualdadelaboral.gal e que suporá, segundo indicou, “un salto cualitativo” na abordaxe empresarial nesta materia.
Así, a Xunta habilitou un novo portal web centrado na igualdade laboral e de oportunidades en Galicia e lanzou unha guía para a elaboración de plans de igualdade no seo das organizacións, así como unha aplicación electrónica pioneira de autodiagnóstico en materia de equidade no traballo.
Os recursos hoxe presentados están destinados, tal e como relatou Lorenzana, a “facilitar o aumento da igualdade laboral e de oportunidades no tecido empresarial galego”. O seu deseño foi resultado do acordo acadado co diálogo social o pasado decembro e posible grazas a un orzamento de 90.000 euros.
O portal da igualdade laboral nace co obxectivo de centralizar a información sobre as accións a prol da igualdade laboral e de oportunidades en Galicia. Desta maneira, facilitarase que as persoas traballadoras, empresas, e a sociedade en xeral teñan un coñecemento máis amplo e profundo das novidades normativas, recursos, medidas de conciliación ou exemplos de boas prácticas que se desenvolven neste ámbito.
O segundo dos instrumentos presentados -a guía para o deseño de plans de igualdade- outorgará a información e orientación sobre os aspectos necesarios para levar a cabo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan no seo das organizacións. “Este proceso non é lineal de principio a fin, senón que tal e como se establece na guía, o obxectivo é acadar una dinámica de mellora continua”, especificou a conselleira que se referiu aos plans de igualdade como “documentos vivos” que se van alimentando co propio desenvolvemento das accións e dos resultados acadados.
O terceiro instrumento, unha ferramenta de autodiagnose en materia de igualdade laboral, é “absolutamente innovadora” segundo apuntou Lorenzana. Ofrece un mecanismo de autoavaliación de balde, accesible, moderno e de calidade, que permitirá ás empresas medir de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto en relación coa igualdade de xénero e oportunidades laborais. Complementariamente aportará ás empresas recomendacións para mellorar a súa eficiencia na implantación de medidas de igualdade e tamén lles permitirá coñecer a súa situación comparativa respecto doutras organizacións con diferentes niveis de madurez e recursos.
Programas complementarios
A Xunta complementa todas estas funcionalidades cun amplo abano de programas cos que se afonda na igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. “Exemplo disto son as axudas á conciliación e á corresponsabilidade, apoios en materia de formación en igualdade ou programas de incentivos directos ao emprendemento e ao emprego feminino como o Emprega Muller ou o programa Emega”, apuntou a conselleira.
Lorenzana defendeu que a decisión da Xunta de fusionar nunha mesma Consellería as áreas de Emprego e Igualdade está a facilitar a produción e xestión de recursos, coa axuda da tecnoloxía, para o fomento da igualdade laboral “algo que se presenta clave para garantir que a reactivación económica sexa o máis xusta e efectiva posible”.
“A aposta do Goberno galego polo futuro e as novas tecnoloxías como instrumentos de progreso quedou reflectida unha vez máis polas ferramentas que vimos de presentar, as cales suporán, con total seguridade, un salto cualitativo na incidencia da igualdade laboral no tecido empresarial da nosa comunidade”, concluíu a conselleira.
Formación pioneira
A titular de Emprego e Igualdade lembrou ademais que a semana pasada rematou a primeira formación que unha administración autonómica imparte en materia de igualdade laboral aos axentes sociais. “O venres pasado rematamos coa formación mínima, de 8 horas, pero tamén chegamos a un acordo no seo do Dialogo Social en canto á formación media de 35 horas; e estamos a piques de pechar os módulos e contidos relativos á formación de 150 horas”, afirmou.