A Xunta felicita aos cinco negocios gañadores e aos finalistas dos Premios do Comercio Galego pola súa contribución á dinamización do sector
A Xunta de Galicia felicita aos cinco negocios gañadores dos Premios do Comercio Galego 2025 nas categorías Comercio Galego, Comercio Traxectoria, Comercio Emprende, Comercio Dinamización e Comercio Sostible, así como aos proxectos que quedaron finalistas pola súa contribución á dinamización do sector. Estes galardóns foron entregados en Santiago de Compostela e teñen como fin recoñecer aos profesionais do sector e avanzar na súa competitividade no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
No categoría Premio Comercio Galego o proxecto gañador foi Creativas Galegas (Mercado Galego da Creatividade), tres emprendedoras do deseño, a arte e a artesanía que crearon en Santiago un espazo que promove o traballo artesán cooperativo mostrando as pezas de máis de 300 profesionais. Nela recoñécese o establecemento que exemplifique os valores do sector comercial de proximidade mediante a implantación dun modelo de negocio moderno, competitivo e adaptado aos novos retos. Os proxectos que quedaron finalistas neste apartado son Alba Lazarí, tenda situada en Cangas dedicada aos deseños téxtiles “de autor” relacionados coa moda, coa decoración e cos accesorios; e Ceibe Barefoot Shoes, centrada no calzado respectuoso e que vende tanto na súa tenda física de Arteixo como vía web.
A luguesa Panadería Pallares obtivo o recoñecemento Premio Comercio Traxectoria, que pon en valor iniciativas cunha traxectoria comercial consolidada que crean un vínculo especial coas súas respectivas contornas. De feito, este establecemento fundouse en 1976, coa quinta xeración familiar ao cargo e destaca por modernizarse co paso do tempo con iniciativas como un museo etnográfico do pan, ademais de polos seus produtos á venda. Nesta categoría quedaron como finalistas a tamén lucense Confecciones García, en marcha desde 1955 e coa terceira xeración —neste caso— á fronte, que combina a súa estética tradicional coa orixinalidade dos seus escaparantes ou a venda online e Miranda Moda, en funcionamento no Barco de Valdeorras desde 1953, coa terceira xeración ao cargo, que vende primeiras marcas tanto de xeito físico como telemático e pon a disposición de artistas locais os seus escaparates.
En canto ao Premio Comercio Emprende, o proxecto gañador foi Amoras, que tras coller o testemuño dunha froitaría ten tres tendas abertas no Carballiño e Maside ademais de venda online, con proxectos orixinais como un fruit track ou arranxos de froitas para eventos. Neste sentido, nesta sección recoñécese o establecemento impulsado por xente nova que ofreza á clientela unha experiencia de compra diferenciada e os finalistas foron A Casa Rodante, con tenda física —en Vigo— e en liña impulsada pola Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral, na que se reúne o traballo artesán e sostible realizado nos obradoiros ocupacionais da asociación, promovendo así o carácter emprendedor das persoas con discapacidade. Tamén o proxecto Tecidos Tolemia —de Ames, A Coruña—, tenda e taller de costura que traballa con tecidos únicos —moitos procedentes de restos de colección de grandes firmas— e que dispón dun espazo de formación e dun club de costura.
O Premio Comercio Dinamización foi para Viveiro Centro Comercial Histórico, pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes, que busca con orixinalidade recoñecer a motivación e o recoñecemento ás persoas traballadoras, pola súa atención e bo facer. Así, nesta categoría ponse en valor a implantación do mellor proxecto ou iniciativa de dinamización comercial nos últimos tres anos (2023-2025) co obxectivo de incrementar as vendas e clientela potencial. As outras entidades que optaron ao premio como finalistas foron a Asociación Boirense de Empresas, pola iniciativa Boiro, compras co corazón, co emprego dos vales corazón como moeda de cambio para participar en actividades como concertos, degustacións de produto local ou sorteos e a Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo —Acisa—, pola campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo, desenvolvida en agosto coa implicación de todos os comercios asociados para garantir a remuda da xeracional da clientela con implicación da infancia e mocidade en actividades específicas como accións multiaventura, musicais ou colaboracións con clubs deportivos.
Por último, o Premio Comercio Sostible obtívoo Arroupa, empresa impulsada por Cáritas que transforma roupa usada en oportunidades reais de emprego e inclusión e que conta con tendas en Santiago, Pontevedra, A Coruña, Carballo e Vilagarcía de Arousa. Neste apartado recoñécese o mellor proxecto de promoción do consumo sostible responsable e quedaron como finalistas a artesá Rir & Co, cun estudio téxtil e tenda física en Allariz que aposta por productores con certificado de sustentabilidade e materiais especialmente xerados no medio rural, coma a la merina da transhumancia ou as fibras de proteína do leite; ademais da pontevedresa AmoGalicia, establecemento que traballa con 95 creadoras e creadores galegos, limitando ao máximo o consumo de plástico e apostando fundamentalmente por artesáns que traballan coa recuperación de elementos como a madeira, o vidro ou as redes de pesca.




