Nova convocatoria de cursos de PRL para persoas traballadoras autónomas promovido pola EGAP e o ISSGA
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de tres novas edicións do curso de prevención de riscos laborais, nivel básico, para persoal empregado público, persoas traballadoras por conta allea, persoas traballadoras autónomas, traballadores/as designados/as e delegados/as de prevención, persoas empresarias que asuman as funcións de prevención ou persoas con inquidanzas no ámbito da prevención de riscos laborais.
Este novo curso, desenvolvido en tres edicións, é froito do convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convocándose un curso en materia de prevención de riscos laborais en tres edicións:
• Código: CV26129 Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga.
Este curso ten como obxectivo proporcionar a formación que capacita para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.
O curso impartirase en modo teleformación e conta cunha duración de 60 horas por edición e cun máximo de 300 prazas (100 prazas por edición).
O prazo de solicitudes estará aberto entre o 17 e o 27 de agosto de 2026 e o curso desenvolverase entre o 15 de setembro e o 13 de novembro de 2026.
A superación da actividade formativa dará dereito á obtención dun certificado de aproveitamento.
