A Xunta estrea un espazo dixital de teleformación en igualdade laboral no que se impartirán cursos sobre conciliación, teletraballo ou prevención do acoso
A Consellería de Emprego e Igualdade pon en marcha a iniciativa para fomentar, formar e sensibilizar á sociedade na igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres.
A Consellería de Emprego e Igualdade xa ten en marcha unha plataforma en liña con accións formativas para fomentar, formar e sensibilizar á sociedade en materia de igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres. Este espazo, cuxa oferta formativa estase a difundir por medio da dirección web https://igualdade-laboral.gal/, proporá cursos de carácter gratuíto sobre temas relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral ou o teletraballo, entre outras temáticas.
Os dous primeiros cursos lanzados a través de este espazo teñen aberto ata o 13 de outubro o seu prazo de inscrición. Trátase dunha formación básica en igualdade laboral, de 8 horas de duración, e dunha actividade teórico-práctica sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo de dez horas.
Na formación básica preténdese facilitar ao tecido empresarial galego os coñecementos mínimos sobre a negociación dos plans de igualdade no seo da organización, diagnose, igualdade retributiva e outras medidas. Composto por tres módulos impartidos por expertos de maneira pregravada, os alumnos poden prepararse ao seu ritmo e acceder, como complemento a pílulas audiovisuais e preguntas frecuentes desde o próximo 20 de outubro e ata o 10 de novembro, en que finaliza.
O curso teórico-práctico sobre a prevención e tratamento do acoso sexual por razón de sexo no traballo, pola súa banda, diríxese ás persoas responsables da implantación do protocolo de prevención e actuación ante o acoso laboral. Facilitará aos participantes mecanismos para a identificación deste tipo de conductas a través dunha formación en tempo real e en diferido que facilitará o intercambio de experiencias entre o alumnado. Está estruturado en sete módulos e dirixido por Sandra García, inspectora de traballo e Seguridade Social. Iniciarase o 20 de outubro e rematará o 20 de novembro.
Ao remate de ambas as dúas formacións, que estarán dispoñibles tamén para seguir por medio dos dispositivos móbiles e coa filosofía de formarse ao ritmo de cadaquén, os participantes recibirán un certificado de aproveitamento.
Con esta aposta, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral, en modalidade virtual. O espazo dixital de teleformación da Xunta aspira a favorecer ademais os procesos comunicativos e aprendizaxes compartidas.