A Xunta activa axudas por 2M€ para impulsar proxectos de emprendemento non agrícola no rural

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de activar mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia unha nova edición do programa Galicia Emprende Rural, que achegará axudas por valor de 2 millóns de euros ao redor de 70 proxectos de persoas traballadoras autónomas e emprendedoras, posibilitando a creación de preto de 200 empregos no medio rural.

Con esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 8 de marzo, a Administración galega reforza a súa aposta polo emprendemento, e máis en concreto por unha liña desenvolvida polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) que está a estimular o tecido empresarial galego, fomentando a xeración de emprego mediante o apoio á creación de proxectos vinculados a actividades non agrícolas en zonas rurais.

Entre as actuacións industriais prioritarias que o Galicia Emprende Rural busca impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas, entre outras.

O importe das axudas mínimas concedidas por persoa beneficiaria é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os investidores que se acollan a esta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación do dito plan.

O programa que se publica no DOG compleméntase co Galicia Emprende, a través do cal se veñen de conceder preto de 15M€ en axudas para apoiar un total de 52 iniciativas empresariais. Entre as dúas liñas de actuación lográronse apoiar, nos últimos catro anos, máis de 350 proxectos emprendedores, mobilizando máis de 35 millóns de euros.

Xunto con estes programas, a Xunta tamén apoia o emprendemento desde a formación, o asesoramento e o acompañamento a empresas. Neste eido destaca a rede de coworking que, desde o seu inicio en 2016, xa tivo 900 participantes que crearon 380 novas empresas. Está previsto lanzar unha nova convocatoria no primeiro trimestre de 2022 que contará cun total de 11 espazos nas catro provincias galegas. Como novidade figuran os da Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo), Valdeorras (con sede na Rúa) e San Cibrao das Viñas (no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole), todos eles na provincia de Ourense, e súmase un en Pontevedra, en concreto no Deza (Lalín).


Máis información