A Xunta facilita formación sobre comercio electrónico a máis de 400 pemes e autónomos no marco do novo escenario poscovid

A Xunta de Galicia ten facilitado ata o de agora formación a máis de 400 empresas inscritas no curso FÓRMAT-e, integrado no programa Fórmate Internacional do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que ensina a pemes e autónomos como abordar un proceso de internacionalización dixital no novo escenario poscovid.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, pretende ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado os hábitos de consumo a nivel mundial. Neste marco, o curso fai un percorrido polas bases do comercio electrónico como canle para o acceso a novos mercados.

O programa formativo iniciouse en setembro do pasado ano e durará ata o vindeiro mes de abril. Cada semana lévase a cabo unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que logo pasa a estar dispoñible na plataforma virtual do curso para a súa consulta. Así mesmo, os beneficiarios reciben unha ficha didáctica cun resumo dos contidos que se tratan no webinario correspondente e, unha vez ao mes, envíaselles un boletín cunha selección de novas de actualidade relevantes sobre a materia.

A internacionalización no novo contexto actual, o plan estratéxico dixital, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, a comunicación e a publicidade son as temáticas abordadas ata o de agora nun curso que, segundo unha enquisa realizada entre os rexistrados, conta cun alto grao de satisfacción “pola calidade do profesorado e a utilidade das materias impartidas”.

En próximas datas retomarase o curso FÓRMAT-e con novos webinarios formativos. Así, o día 13 deste mesmo mes de xaneiro terá lugar unha clase sobre Interpretación eficaz da tecnoloxía para a venda en liña, na que se estudará a parte tecnolóxica necesaria para poñer en marcha un comercio dixital. Unha semana despois, o día 20 de xaneiro, afondarase nas Ferramentas para a venda en liña e os medios de pago.

Está previsto que se celebren 13 sesións ata o próximo mes de abril, nas que se analizarán, entre outras cuestións, os diferentes modelos de distribución de e-commerce, como os marketplaces, as operacións no negocio en liña, os mercados dixitais –coa presenza das empresas Amazon e Alibaba en ambos os dous seminarios–, a negociación internacional e as xestións aduaneiras.

Aquelas empresas galegas que estean interesadas en adaptar a súa estratexia comercial internacional aínda poden inscribirse ao curso gratuitamente.


Programa Format-e